Sin categoría

Prado Surf Escola promociona o Camiño Portugués pola Costa

Durante todo o mes de xuño Prado Surf Escola en colaboración coa Xunta de Galicia pon en marcha unha actividade dentro do programa “O Teu Xacobeo” para promocionar o Camiño de Santiago entre a poboación local.

A actividade organizada por Prado Surf Escola forma parte do programa da Xunta de Galicia “O teu Xacobeo”, e ten por obxectivo a promoción do Camiño Portugués entre a poboación local do terceiro sector. A primeira destas actividades arranca hoxe xoves 11 con Aldeas Infantís Redondela. Durante todo o mes de xuño participarán neste programa diferentes grupos Aldeas Infantís Vigo e a Asociación ANHIDA, tamén de Vigo.

A actividade inclúe unha etapa do Camiño de Santiago, neste caso desde Baiona a Nigrán coa explicación dos monumentos de interese, fauna e flora de lugares protexidos como a Fortaleza de Monterreal, a Foz do Miñor, as dunas de Praia América… Ademais, realizaranse diferentes xogos durante o traxecto e os participantes tamén tomarán conciencia do coidado do medio ambiente a través dunha actividade que leva por título Basuraleza. Como colofón o traxecto finaliza cun bautismo de surf na Praia de Patos.

Con esta actividade Prado Surf Escola e a Xunta de Galicia queren reforzar o sentimento de pertenza ao Camiño de Santiago dentro da poboación local, poñer en valor a importancia do Camiño de Santiago na formación da cultura galega e concienciar sobre o coidado do patrimonio natural da zona.

Prado Surf Escola puxo en marcha un protocolo estrito de hixiene e desinfección para realizar esta e outras actividades coa máxima seguridade.