O Multiusos de Sabarís foi creado para os veciños, pero, paradoxalmente, desde que se inaugurou en xuño de 2021 non acolle a veciños senón exposicións e esporadicamente algunha presentación. “Un despropósito do que é culpable o actual goberno local conformado por PSdeG, BNG e Nós que xa tivo que enfrontarse ás queixas veciñais pola súa pasividade na redacción da ordenanza reguladora. Meses tardaron en redactar e, posteriormente, en aprobar un regulamento que, tal e como advertiu o grupo municipal popular en pleno, resultaba pouco útil. Mostra diso é que o edificio, no que se investiron 629.200 euros para a súa reforma, é o único destas características na comarca e, incoherentemente, só utilízase como galería de arte. Desde a súa inauguración en xuño de 2021 só acolle exposicións nos espazos comúns mentres o resto das instalacións están baleiras e sen uso”, lamentan desde o PP.
Para os populares, resulta “inxustificable” que o edificio estea a maior parte do tempo pechado e que, a pesar da demanda de espazos por parte dos colectivos, non consigan utilizalo porque non poden acceder cando o necesitan. Lembra o principal partido da oposición que na reforma do antigo mercado de Sabarís para dar lugar a este Multiusos investiuse a maior partida da historia a través do Plan Concellos, para dotar á parroquia de Santa Cristina da Ramallosa dun punto de encontro veciñal e cultural do que carecía adaptado, polivalente e capaz de agrupar aos colectivos de Baiona que así o solicitasen.
“En definitiva, unhas instalacións ambiciosas polas que apostou o anterior goberno local do PP ata lograr todo o financiamento para que fosen unha realidade. Con todo, resulta lamentable que o tripartito as haxa desprezado desde o inicio. Agora que o Multiusos podería satisfacer as necesidades de todos os veciños de Baiona, e especialmente os de Sabarís, volve mostrar ese menosprezo. É incomprensible que o goberno local ceda agora o baixo da Casa Rosa, de tan só 70 m2, ao maior colectivo veciñal da zona, a Asociación Castro e Ladeira, cando os 700 m2 do edificio que eles mesmos demandaban (Multiusos) están baleiros. Afortunadamente as obras xa estaban financiadas e contratadas, porque pola contra este tripartito tamén metería nun caixón o proxecto e perdido o diñeiro como ocorreu coa contorna da Praza de Victoria Cadaval”, manifestan os populares.

