
O Concello de Nigrán visibiliza a súa solidariedade co pobo ucraíno e con todos os territorios do mundo que sofren as guerras “protexendo” algúns dos seus monumentos máis emblemáticos. Por iso desde onte os “pulmóns” de Chandebrito permanecen tapados por senllos mantos coas cores da bandeira ucraína grazas á colaboración da Asociación de Veciños e de Montes da parroquia e ao autor do monumento, Remigio Davila, do colectivo artístico “Arte no Queimado”. Xunto ao alcalde e concelleiros e dúas nais ucraínas refuxiadas cos seus fillos en Nigrán, onte os taparon e realizaron a primeira foto. “Estamos moi emocionadas e agradecidas por este xesto simbólico do pobo de Nigrán, o noso cariño é inmenso polo trato que estamos a recibir, este municipio estará sempre no noso corazón”, recoñeceu unha das nais visiblemente afectada. A maiores, o Concello “protexeu” as letras ornamentais coa palabra “Nigrán” situadas na rotonda do núcleo urbano, na PO-552 con enlace á autoestrada.
“Vimos imaxes de como salvagardan en cidades ucraínas como Leopolis o seu patrimonio cultural dos bombardeos e, a raíz diso, pensamos en levar adiante esta iniciativa simbólica en sinal de solidariedade”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca o feito precisamente de que a fotografía desta escultura de Chandebrito sexa unha das máis virais de Nigrán en redes sociais.
“Estes dous pulmóns naceron para recordar a catástrofe dos incendios de 2017 e os seus efectos na natureza, agora ademais queremos que sexan tamén un símbolo de pacifismo, de rexeitamento do pobo de Nigrán a todas as guerras e de respecto á legalidade internacional en todos os territorios do mundo”, engade González, quen inclúe o dereito do Sáhara Occidental á autodeterminación, tema tamén en cuestión nestes días. Por iso o rexedor anima a que a partir de agora as fotos cos pulmóns de fondo inclúan o hashtag #NigranContraAsGuerras.
“Queremos que o pacifismo e o rexeitamento do pobo de Nigrán a esta guerra e a todas as guerras sexa recoñecido en todo o mundo”, finaliza o alcalde.