O Partido Popular denuncia nun comunicado que o Concello de Gondomar vén de avisar á Brigada Forestal con base neste municipio, de que en breve teñen que abandonar a súa sede e deixar baleiro o local municipal que están usando como base de operacións nesta demarcación territorial. “O aviso veu do goberno municipal, sen que se lles ofrecera outra alternativa, polo que a brigada terá que trasladarse ás instalacións que teñen en Cabeiro, no Concello de Redondela. De nada valeron os intentos de comunicarse co alcalde Paco Ferreira, pedindo unha solución a esta situación, recibindo soamente como explicación que o Concello vai facer obras nas inmediacións e que necesitan o local para uso municipal”, afirma Paula Bouzós.
A Brigada Forestal da Demarcación Forestal de Vigo 2, con base en Gondomar desde o ano 2005, pertence ao Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño, e está composta por sete membros, un capataz, un oficial condutor e cinco bombeiros, que dan servizo aos concellos de Nigrán, Baiona, Porriño, Salceda, Vigo e Gondomar. Ademais das tarefas propias de extinción de incendios, fan outras de prevención, mantemento de infraestruturas e instalacións, como os depósitos de auga, limpeza de pistas e outras tarefas preventivas de cara a minimizar no posible os perigos de incendios.
Para a voceira do Partido Popular, a marcha desta brigada do concello vai supoñer unha gran perda dun servizo esencial, reducindo a capacidade de reacción ante un posible incendio, ao levarlles máis tempo en desprazarse ás zonas nas que teñan que actuar. Recorda Paula Bouzós o servizo esencial que fan estas brigadas forestais, “ás que tanto acudimos en caso de emerxencia”.
“Todos recordamos os desgraciados incendios de outubro do 2017 e as consecuencias que aínda a día de hoxe seguimos padecendo, polo que é moi importante ter na nosa contorna este tipos de servizos. Ao contrario do que fai o alcalde, o noso deber é garantir e potenciar estes servizos básicos, dando protección e seguridade aos nosos veciños”, remata dicindo Bouzós.

