O Okofen mostrouse contundente este domingo en augas de Baiona na penúltima xornada da Liga de Inverno J80, que o Monte Real Club de Yates organiza desde o pasado mes de xaneiro co patrocinio de Baitra Accesorios Navales. A tripulación que lidera Javier de la Gándara asinou dúas sólidas vitorias nas dúas probas disputadas e púxolle o listón aínda máis alto aos seus competidores máis directos, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro e o Marías de Manel Cunha, que seguen segundo e terceiro respectivamente.
Non houbo cambios no podio provisional en canto ás posicións, pero si na puntuación que separa aos tres candidatos a levar o campionato, que é agora moito máis ampla. Os 12 puntos que ten o Okofen permítenlle soñar xa cos loureiros da liguiña, ao sacarlle 8 puntos de vantaxe ao Alboroto, que ten 20; e 15 ao Marías, con 27.
Do mesmo xeito que sucedera na xornada do sábado, as regatas deste domingo estiveron tamén moi complicadas polo vento. Deuse saída a unha primeira proba que tivo que ser anulada xa na primeira cinguida. Tras cambiar o campo de regatas, a frota puido navegar unha manga que acabou acurtada pero que permitiu abrir o marcador do día. Okofen, Spaco e Cansino levaron a mellor puntuación. Na segunda e última proba do día, que se puido disputar enteira, o Okofen repetiu vitoria e por detrás del entraron o Alboroto e o Marías.
Así as cousas, e á espera do que suceda na última xornada, se a tripulación de Javier de la Gándara mantén o refacho e o bo facer das etapas previas (nas que asinou uns parciais de 1-2-1-3-1-1-4-1-1-1), todo apunta a que se fará coa vitoria final.
As tripulacións que se disputan a liguiña de monotipos do Monte Real volverán verse as caras o próximo 2 de abril, día no que está prevista a celebración da sexta e última fase da Liga de Inverno Baitra J80.
Ese primeiro sábado de abril, ademais de resolverse a competición, o Monte Real entregará os premios aos gañadores do campionato e abrirá as portas ás competicións de cruceiro que chegarán a Baiona a finais de mes, coa celebración do Trofeo Comunica (23 abril) e o Trofeo Repsol (29 e 30 de abril e 1 de maio).





