O BNG de Nigrán reclama que “se licite dunha vez” o equipamento da nova biblioteca

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a biblioteca municipal de Nigrán, “a de verdade”, atópase completamente desbordada. “Hai que esquivar as mesas cos libros amoreados en montes polas mesas e polo chan, nunha situación lamentable nun Concello con 18.000 habitantes e que conta cunhas contas saneadas”.

“A biblioteca de Nigrán é un edificio fermoso pero pequeno para a poboación actual de Nigrán. A insistencia do BNG e Nigrán Decide no mandato anterior obrigou a un goberno, en principio reticente a abordar a construción dunha nova biblioteca, que, por fin, en maio do ano pasado finalizou a obra das novas instalacións. Porén, a nova biblioteca é un continente sen contido, un edificio baleiro sen o uso para o que foi construído. En troques, esta nova biblioteca, que aínda non conta con libros, nin cadeiras, nin mesas, nin estantes; é empregada polo alcalde, Juan González, para os seus actos de propaganda ou para as actividades das asociacións que el considera oportuno, mentres temos constancia que se lle nega a outras cun criterio absolutamente discrecional e arbitrario”, aseguran os nacionalistas.

“En xuño do ano pasado -continúan desde o BNG- inaugurouse o novo edificio coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixando a súa apertura ao público para despois do verán. Logo sinalouse para fin de ano, logo para o novo ano. Semella que ao alcalde non lle importa o máis mínimo ter un edificio sen o uso para o que foi concibido: ler, estudar ou o empréstito de libros”.

Dende o BNG entenden a biblioteca como centro cultural de compensación das desigualdades, un lugar onde todo o mundo, sen importar o seu nivel económico, poida desfrutar dun lugar axeitado para a lectura, o estudo, o acceso á información e á rede. “Por iso reclamamos que se licite dunha vez o seu equipamento para poder proceder á súa apertura real para uso da veciñanza”.