Anuncios
Ticker de novas

Amaral súmase ao vídeo homenaxe ás vítimas da violencia de xénero do CB Nigrán

Do mesmo xeito que as xogadoras de baloncesto Alba Torrens, Laura Nicholls ou Amaya Valdemoro, a escritora Sonia Mirón, o actor Antonio Durán “Morris” ou os futbolistas Jorge Otero e Javier Maté, Eva Amaral e Juan Aguirre, compoñentes do grupo musical Amaral, quixeron participar no vídeo en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero que o CB Nigrán está a preparar para o próximo día 25. Amaral comunicou ao CB Nigrán que a iniciativa lle parece preciosa e que esperan sirva para axudar na sensibilización e prevención da violencia de xénero.

Xunto a eles outros colectivos como o club Amfiv, o Basketmi Ferrol ou os claustros de profesores dos colexios Humberto Juanes, Carlos Casares, Cruz Camos, Panxón e Mallón aparecerán no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller asasinada así como por cada un dos 7 nenos asasinados neste 2017.

Con cada un destes balóns que simbolizan ás vítimas o Club Baloncesto Nigrán debuxará un gran lazo na pista de xogo do Pavillón do Colexio de Panxón en torno ao cal se colocarán os xogadores, adestradores, directivos e familias do club, constituíndo esta foto a imaxe final que se incluirá no vídeo que o CB Nigrán produciu e que se fará público a partir do sábado 25 co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre esta lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas.

Anuncios