
O hospital Ribera Povisa celebrou este venres 11 de marzo unha xornada de portas abertas para que os futuros residentes interesados poidan coñecer as seis especialidades e resolver todas as súas dúbidas directamente cos responsables da súa formación. É un dos primeiros hospitais de España en realizar unha xornada de portas abertas para presentar os servizos nos que conta con oferta de prazas, que este ano ascenden a 15.
Foron profesionais de cada un dos seis servizos quen mostrou as instalacións de Ribera Povisa aos interesados a través de visitas guiadas presenciais, que recuperou tras os dous últimos anos de pandemia nos que a xornada era de carácter virtual. En concreto, as especialidades que ofertan prazas son Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (2), Anestesioloxía e Reanimación (1), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (1), Radiodiagnóstico (2), Medicina Interna (2) e Medicina Familiar e Comunitaria (7).
Dentro da aposta pola excelencia na calidade asistencial, a formación é estratéxica para Ribera Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR. A iso súmase a Escola Universitaria de Enfermería de Povisa, adscrita á Universidade de Vigo, e catro ciclos de FP de grao medio e superior, todos vinculados coa rama sanitaria, no Centro de Estudos Povisa.
Para facilitar a información sobre os diferentes centros e as súas unidades docentes, o grupo Ribera organizou unha xornada de portas abertas para cada hospital na que os responsables de Docencia, Investigación, Xerencia e Recursos Humanos poñen en valor e destacan as fortalezas dos hospitais, desde as instalacións á tecnoloxía, pasando pola formación continua e a promoción interna. Ademais, estas xornadas permiten aos candidatos expor preguntas sobre a formación e especialización que se lles ofrece, e teñen a oportunidade de coñecer os servizos que ofertan prazas en cada hospital.