O grupo sanitario Ribera estreou este xoves no Auditorio Municipal de Vigo o seu documental “Covid, a historia dos nosos heroes”, un ambicioso documento audiovisual no que se recollen as historias humanas e testemuños de profesionais e pacientes dos hospitais Ribera, entre eles Ribera Povisa, durante a primeira onda do Covid, en abril de 2020, en pleno confinamento da poboación xeral, o que converte a esta peza nunha memoria gráfica, visual e sonora de gran valor sobre algúns dos momentos máis duros desta pandemia.
Á estrea da peza acudiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que interveu antes da proxección para destacar o traballo dos profesionais sanitarios durante estes dous anos de pandemia. Tamén realizou un breve discurso ante o público presente no Auditorio Municipal o director executivo de Centene para Europa, Alberto de Rosa. O xerente de Ribera Povisa, Rafael Cabadas, e o seu homólogo no hospital Álvaro Cunqueiro, Javier Puente, tamén eloxiaron o labor dos sanitarios ante o Covid.
O documental, que xa foi proxectado en salas de cinema de toda España, resultou finalista nos Premios Corresponsables, seleccionado entre máis de 800 candidaturas de 16 países, neste caso, dentro da categoría de vídeo corporativo.
Transcorridos dous anos desde o inicio desta pandemia, cada un dos minutos da rodaxe nos hospitais universitarios de Vinalopó, Torrejón e Torrevieja –nese momento xestionado polo grupo Ribera-, e no hospital Ribera Povisa, baixo a dirección de Miguel Vizcaino, dan fe da pegada que deixa este virus entre os profesionais sanitarios, os responsables de organizacións sanitarias como o grupo Ribera e os cidadáns en xeral.


