Nigrán rende unha homenaxe a Carlos Casares no vixésimo aniversario do seu cabodano

Concello de Nigrán e Fundación Carlos Casares renderon este mediodía unha emotiva homenaxe ao ilustre escritor con motivo do vixésimo aniversario do seu cabodano. Así, a familia de Casares (os seus fillos Hakan e Christian e os seus irmáns Xabier e Mercedes) xunto aos principais representantes culturais de Galicia protagonizaron unha ofrenda floral no Cemiterio Municipal de San Fiz, onde repousan os restos do célebre veciño de Nigrán. Ao igual que no seu enterro, o acto finalizou co gaiteiro Carlos Núñez tocando, quen elixiu para a ocasión a Cantiga número 1 e 2 de Martín Códax.

“Aquí exerzo de voceiro de toda a veciñanza, e sen dúbida podo dicir que para todo o municipio é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que, precisamente nesa casa do Camiño da Palanca, viran crecer os seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinalou o rexedor, Juan González, quen avanza un ano cheo de programación dedicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións. “Todos tiñamos conciencia cando o víamos paseando por Nigrán de que Casares era unha persoa moi especial e de que era unha honra telo aquí”, sinalou un emocionado alcalde, cuxa vida persoal como historiador tamén se entrelazou coa do escritor a través do Instituto de Estudos Miñoráns. “Casares precisamente fixo o Bando para que os municipios se sumaran ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade porque cría que o mundo se debía de unir fronte a tantas inxustizas e desigualdades que seguen ocorrendo”, finalizou González, actual presidente do Fondo.

Hakan foi o encargado de abrir o acto fronte á lápida do seu pai, por iso quixo contrapoñer a traxedia que supuxo estar alí mesmo hai 20 anos co día de hoxe, “un día feliz e de gran alegría” ao estar ao lado de quen foron os seus amigos, aos que non dubidou en sinalar como “o gran legado” que lle deixou. “Tedes promovido a súa figura, a súa obra e o seu recordo dunha maneira incansable desde que morreu, por iso quero agradecervos que 20 anos despois, cando o lóxico sería que a chama da súa memoria esmorecese, Casares siga tendo futuro, esa é unha gran alegría”, resumiu, entre outros, ante Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Xesús Alonso Montero, académico; Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; ou o poeta Luis González Tosar.

“Aínda teño petada no peito a chamada de teléfono anunciando a súa morte, é algo inesquecible para min, pero Carlos segue vivo no noso corazón, na nosa lembranza, nos seus libros, nos nosos proxectos”, referiu precisamente o seu amigo persoal Víctor Freixanes, ao igual que Rosario Álvarez, quen destacou a conmoción que supuxo para Galicia enteira o seu pasamento inesperado, “a día de hoxe seguimos pensando que no seu mandato o Consello da Cultura Galega medrou. Galicia perdeu un gran home con el”, finalizou. “¿Cantos anos lle levará a Galicia ‘fabricar’ outro home como Carlos Casares? A súa figura é irrepetible e seguiremos téndoo como unha referencia perpetua”, engadiu Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística.

A ofrenda rematou co gaiteiro Carlos Nuñez tocando a Cantiga 1 e 2 de Martín Códax cunha sinxela introdución que resumiu o sentimento común neste acto en Nigrán: “para ti, Carlos”.