O Concello de Nigrán arrancou esta semana os seus tradicionais cursos de “Envellecemento Activo” para maiores coas 130 prazas cubertas e lista de agarda. O alcalde, Juan González, e a edil de Maiores, María Mayán, acudiron ao Centro da Terceira Idade da Ramallosa para dar a benvida aos participantes. Como os outros anos, trátase de “Informática Básica”, “Memoria” para previr o deterioro cognitivo e “Vivilo Corpo”, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación. Informática é impartido polo profesor xubilado Antonio Lago de xeito altruísta e os outros dous corren a cargo de Afaga, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia. Como novidade, e para poder beneficiar a maior número de persoas, este ano baremouse entre os que elixiron máis dun curso para que ninguén quedase sen praza.
Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles se basea este programa que ofrece o Concello de Nigrán. O carácter fundamental é preventivo, e a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destacou a pronta apertura do local social para a terceira idade no centro urbano, onde as antigas casas dos mestres de Vilameán.

