
A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, informa que nesta edición da Arribada Post COVID instalarase a “Caravana Morada” o sábado 5 na glorieta de Colón, cun horario de apertura dende as 16:00 ás 00:00 horas.
A caravana do punto lila estará atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, integrado por dúas profesionais expertas en violencia de xénero: unha psicóloga especializada en xénero e criminoloxía e unha asesora xurídica. Ambas asistirán e asesorarán ás mulleres que así o necesiten e informarán sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal, autonómico e nacional.
O obxectivo do punto lila é por unha banda concienciar e visibilizar o compromiso social e rexeitamento comunitario das violencias informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero e por outra parte ofrecer atención técnica, psicolóxica e de coordinación. O punto lila “Caravana Morada” está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.