O Concello de Baiona subscribiu a súa colaboración para a acollida e prestar axuda humanitaria ás familias procedentes de Ucraína tras formalizar a súa inclusión no programa coordinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións do Ministerio de Inclusión Social, Seguridade Social e Migracións.
Neste sentido, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse esta mañá coa presidenta da ONG “Ayuda al Mundo Necesitado”, Juani Alonso, e coa concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara Rodríguez, para organizar o desenvolvemento das accións a levar a cabo.
Á espera de indicacións máis precisas da FEGAMP, a ONG local comezará a próxima semana a recollida das seguintes doazóns: alimentos non perecedoiros, medicamentos precintados (data sen caducar) e roupa de abrigo. Nos próximos días informarase, seguindo as directrices da FEGAMP, datas e horarios de apertura ao público para facer as entregas.
O rexedor de Baiona coñece o ofrecemento dalgúns veciños da vila para acoller nas súas casas a refuxiados ucraínos, e, sabedor da solidariedade dos veciños, fai un chamamento de colaboración ordenado para facilitar o traballo tanto da ONG como dos organismos e entidades partícipes.
“Quedamos ao dispor da Subdelegación para que se nos indique os mecanismos a poñer en marcha e para que se nos faga saber a maneira de canalizar a axuda ou colaboración do Concello e o pobo de Baiona”, comenta o alcalde, que deu traslado desta disposición para colaborar con Ucraína á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que onte daba un paso á fronte para canalizar a axuda humanitaria dos concellos galegos dentro da coordinación determinada polo Goberno do Estado en colaboración coa Xunta.

