
O hospital Álvaro Cunqueiro sumouse hoxe a celebración do Día Internacional do Cancro Infantil con diversas actividades, co obxecto de enviar unha mensaxe de apoio e esperanza a tódolos nenos e nenas que están loitando contra esta enfermidade e as súas familias. Así, as Asociacións Bicos de Papel, Asanog e os Pallasos de Galiclown achegáronse ata o Hospital de Día de pediatría para entregarlles aos pequenos pacientes uns agasallos, que foron doados por El Corte Inglés.
O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida. A coordinadora da Unidade de Oncoloxía Infantil, María Tallón, amosa optimismo xa que “a día de hoxe o índice de supervivencia do cancro infantil sitúase nun 80%, e manténdose á alza nos últimos anos, o que denota un avance nos coidados e tratamentos para o cáncer que aplicamos aos nosos nenos e nenas”.
Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.
25 novos diagnósticos o pasado ano
No pasado ano se diagnosticáronse 25 pacientes con patoloxía oncolóxica infantil maligna, cifra igual á do ano anterior, que seguen tratamento quimioterápico en hospital de día e planta de pediatría. Deles, a enfermidade máis frecuente foi a leucemia aguda seguida do linfoma e dos tumores do sistema nervioso central. En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 150 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.
Nestes momentos, hai 20 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes. O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan.
A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia, incluíndo a oferta dun servizo docente para que os nenos continúen coa súa programación académica, así como as actividades lúdicas e de lecer.
Diagnóstico precoz e investigación
Ademais, nas consultas de oncoloxía pediátrica do CHUVI realízase un seguimento de pacientes con síndromes xenéticos con predisposición ao cáncer, para realizar un diagnóstico precoz.
“Ademais, -explica a doutora Tallón-, temos en marcha varios proxectos de investigación nos que estamos traballando nesta Unidade para mellorar a asistencia, participando en varios ensaios clínicos, fundamentalmente en distintos campos da hemato-oncoloxía pediátrica e os coidados paliativos”.