As comparsas de Entroido volven encher de cor as rúas de Gondomar

Gondomar vibrou este domingo ao compás da música dos máis de 400 participantes das 8 comparsas que participaron no desfile de Entroido 2022, que recuperou a súa data tradicional tras un ano de ausencia. As agrupacións, que este ano non competiron entre elas e percibiron unha axuda económica pola súa presenza, desfilaron polas rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz, pasando pola Praza Paradela para finalizar na Avda. do Conde de Gondomar, ante o numeroso público congregado.

Cos seus traxes de cores, ritmos, músicas e alegría levaron ao municipio temáticas diferentes que van desde as fábricas de xoguetes ás carreiras de fórmula un pasando polo mundo azteca ou a conxunción dos entroidos máis tradicionais do mundo nunha mesma comparsa. Abriron o desfile como convidados Os Curricáns Deluxe coas coñecidas personaxes do videoxogo Mario Kart, como Mario, Luigi, Bowser, a Princesa Peach ou Yoshi.

A agrupación “O Millor de Cada Casa” de Vincios presentou a temática de “Queimando Roda”, unha fantasía inspirada nas carreiras de coches de fórmula un co que fan referencia “ás ganas de saír do garaxe tras dous anos encerrados nel coas pezas renovadas e ganas de pasalo ben”. “Valla-Gym” foi o tema elixido pola comparsa do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, tirando da ironía para representar escenas que un se pode atopar diariamente nun ximnasio e ao mesmo tempo “baixar uns quilos da amargura cotiá”.

Tamén desfilou polas rúas de Gondomar a comparsa Furafollas con “Misturando Raíces”, onde a música, a cor e a alegría ofreceu un percorrido por distintos entroidos do mundo, dos máis modernos aos máis tradicionais. Percorrido histórico diferente o que presentou a Asociación “Os da Casa” de San Andrés de Comesaña, que cos seus disfraces trasladou ao público á “Fábrica dos Xoguetes”, onde a infancia adquire un poder relevante descubrindo xoguetes desde a década dos 60 ata o de agora.

A Escola de Baile LDanzia sumou 115 participantes ao Entroido de Gondomar co seu “LDanzteka”, rendendo unha homenaxe á civilización azteka con toda a súa maxia, mitoloxía e colorido. “O Conto da Criada” foi a temática que desenvolveron os integrantes da comparsa do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, aos que tamén se sumou no desfile a comparsa do Centro Cultural Parada do Miñor cunha versión moderna do famoso xogo do dominó cunha “interpretación divertida coa que queremos sorprender ao público e pasalo ben”.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.