Dous triunfos, un empate e unha derrota para o Laroca na segunda xornada de liga

O pasado sábado celebrouse a segunda xornada da liga galega de xadrez, na que o Xadrez Laroca conseguiu dúas vitorias, un empate e unha derrota.

Na división de honra o Laroca A saía derrotado no seu feudo ante o equipo lucense do Círculo Chantadino Dragan Paunovic por 1-5, conxunto que superaba aos miñoráns en máis de 300 puntos de Elo. O punto laroqueiro foi conseguido por Lino, que subía para este encontro do equipo Laroca C da segunda división. Con este punto os miñoráns colócanse penúltimos na clasificación con 1,5 puntos.

Na segunda división pleno laroqueiro. O Laroca B impúñase en Cotros ao equipo tudense de Xadrez Cafetería La Gran Manzana, por 4-0, puntos conseguidos por Dani, Juan, Agustín e Paco, namentres o Laroca C impúñase no seu desprazamento a Salceda de Caselas ao Xadrez Altamira por 0-4, puntos conseguidos por Patricio, Tomás, Carlos e Antonio. Con estes resultados os equipos encabezan a clasificación con 6 puntos.

En terceira división o equipo do Laroca C desprazouse tamén a terras do Condado, neste caso a Mondariz, para enfrontarse ao Xadrez Marcote B-Institucións Educativas Aceimar, onde conseguiu un empate a dous puntos ante un dos equipos favoritos da categoría, puntos conseguidos por Jorge e Erik. Con este resultado os de Nigrán seguen encabezando a clasificación con 5,5 puntos.

A próxima xornada celebrarase o día 5 do vindeiro mes de marzo, motivado á celebración dos campionatos galegos sub 8, sub 14 e sub 18 que se celebrarán na localidade de Padrón nas instalacións do hotel Scala, esta fin de semana, na que participará na categoría sub 18 o nigranés Mauro Sanromán, agora defendendo o Club de Xadrez Mos.