Nigrán retoma o reparto de trampas para vespas velutinas entre a veciñanza

O Concello de Nigrán vén de adquirir 250 novas trampas para vespas velutinas co obxectivo de distribuílas entre a veciñanza agora que as raíñas finalizan a hibernación e comezan a construír niños. Os interesados poden pasar a partir deste luns 21 de febreiro pola Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 13:30 horas, onde se lles entregará tamén líquido atraínte, ademais da receita para poder elaboralo caseiramente (1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa, 1kg de azucre e un chorro de vinagre).

As trampas consisten en sinxelos aparellos aos que se lle incorpora un líquido atraínte a base de feromonas cada quince días, momento no que se retiran todos os insectos capturados. O Concello suma 2.000 entregadas gratuitamente desde o ano 2017.

“Desde este momento e ata xuño é cando resulta verdadeiramente efectivo poñer trampas nas árbores froiteiras ou zonas de flores porque é cando saen as raíñas da hibernación e a comer, en pleno verán xa non ten sentido porque están os niños construídos”, explica Alfonso Vázquez, edil de Sanidade e apicultor afeccionado, quen chegou a contabilizar nunha soa tarde 50 asiáticas capturadas nun aparello e durante a primavera 2.000 reinas nunha ducia. “Cada reina é un futuro niño, polo que isto evita milleiros e milleiros”. Así, segundo os expertos, asegurar a eliminación da raíña é o método máis eficaz para o seu control, xa que evita a produción de novas raíñas e a formación de colmeas, que poden albergar ata 2.000 exemplares e 6.000 larvas.

“A tenacidade e voluntariedade de Alfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avespa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños pese a tratarse dunha competencia autonómica”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.