Stella del Carmen Misa, do IES Val Miñor, segundo premio no certame Stephen Hawking

A alumna de 2º de bacharelato Stella del Carmen Misa Martínez, do IES Val Miñor, acadou o pasado venres 18 de febreiro o 2º premio da IV edición do Premio Stephen Hawking promovido polo IES plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e coordinado polo Catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo.

O proxecto titulado “Análise da capacidade de Ulva lactuca na eliminación de Zinc” que acadou o 2º premio, foi seleccionado para a final xunto con outros dous proxectos realizados polos alumnos Raquel Xing Iglesias Iglesias e Alejandro Martín del Río, todos eles alumnos de 2º de bacharelato. En total foron seleccionados 35 traballos de investigación de toda Galicia, e a final celebrouse en Santiago de Compostela ao longo dunha xornada na que o alumnado tivo que expoñer e defender os seus proxectos de investigación.

Os tres alumnos participan no programa STEMBach, que se implantou no IES Val Miñor no ano 2020, e que ten como finalidade promover a excelencia do alumnado e espertar vocacións investigadoras mediante a realización dun traballo de investigación que se desenvolve durante os dous anos de bacharelato. Estes traballos foron titorizados polo Profesor de Física e Química, César Rodríguez, e o Catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, Juan Hermida, e codirixidos por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto Español de Oceanografía.