O nigranés Ricardo Fernández, primeiro laroqueiro en puntuar na división de honra da liga galega de xadrez

O pasado sábado celebrouse a primeira xornada da liga de galega por clubs 2022, na que o club de xadrez Laroca de Nigrán debutou por primeira vez na súa historia na división de honra, máxima categoría do xadrez galego, enfrontándose ao equipo da escola de xadrez de Pontevedra, Estratexias pola Paz. Complicado debut ante o pentacampión, cunha diferenza de máis de 500 puntos de elo na clasificación mundial de xogadores, perdendo por 5,5 a 0,5 puntos. O xogador nigranés Ricardo Fernández López quedará na historia do club por ser o primeiro laroqueiro en puntuar nesta categoría, grazas ás táboas que conseguiu ante David García, tras forzar o pontevedrés xaque perpetuo e polo tanto as táboas.

Este sábado os larqueiros enfrontaranse en Nigrán aos lucenses do círculo chantadino Dragan Paunovic, que ocupan a terceira posición da táboa clasificatoria.

Na segunda división nesta primeira xornada houbo derbi local xa que se enfrontaron os dous equipos, cun empate a dous. Máxima igualdade nesta categoría na que os seis equipos están empatados a dous puntos, e debido aos desempates os dous equipos miñoráns ocupan a cabeza da táboa. Este sábado o Laroca B enfrontarase na casa aos tudenses de xadrez Cafetería La Gran Manzana Tui, namentres o equipo do Laroca C desprazarase a Salceda para enfrontarse ao xadrez Altamira.

En terceira división gran triunfo do Laroca D ante os guardeses do xadrez Albatros D por 3,5 a 0,5 puntos, co que se poñen en solitario na cabeza da táboa cunha vantaxe de 0,5 ao segundo clasificado. Na vindeira xornada os miñoráns desprázanse a Mondariz para enfrontarse ao xadrez Marcote B- Institución Educativa Aceimar.