O proxecto ideado pola Asociación de Comerciantes de Baiona, Aceba, non comezou coa forza que debería e non porque a creación dun Campus Universitario na vila pase desapercibida entre os universitarios. De feito, o proxecto atopou o seu nicho de mercado fóra das nosas fronteiras e ao comezo do curso académico contaban con máis de 100 solicitudes, a gran parte procedentes de países do outro lado do charco aínda que a pandemia provocou que a gran parte deles quedasen en terra.
Xa con datos sobre a mesa buscan posibles investidores que estean interesados en construír unha residencia universitaria cunha capacidade de entre 100 e 150 prazas, mentres os interesados en arrendar as súas vivendas para este fin seguen aumentando en número. A pesar de que do centenar de solicitantes finalmente chegou á vila unha quincena, desde Aceba están seguros de que o seu plan convence e demóstrano cun estudo de mercado “con nome e apelidos” que dá peso á súa viabilidade. En setembro o campus comezou con 9 inmobles ademais de 30 habitacións de hotel, catro meses despois a cifra ascendeu a unha decena a través de inmobiliarias e outros 15 particulares que se suman ás prazas hostaleiras. Para Aceba esta tendencia é moi positiva porque significa que moitos apartamentos destinados ao mercado vacacional destínanse a alugueiros de maior estadía. “Axuda a que os prezos se conteñan”, inciden.
Para optimizar o fluxo da demanda están a traballar na creación dunha plataforma dixital de reservas intelixentes que transmita a tempo real prezos en función da data e a duración das estancias, porque segundo explicaron polo momento existen máis interesados de maneira potencial que a ocupación que poden ofrecer.
As restricións implantadas pola crise sanitaria en países tan dispares como Cuba, Australia, Malaisia, Colombia ou Venezuela non llo puxeron nada fácil ao Campus aínda que confían que para a chegada da nova remesa de Erasmus prevista para marzo a iniciativa creza e inciden na importancia da internacionalización dos postulantes. Ademais dos atractivos que brinda a vila e que para moitos estranxeiros poden resultar ata exóticos, o vicepresidente de Aceba, Carlos Quintas, insiste nas vantaxes que ofrece o transporte directo para chegar ao Cuvi con dúas frecuencias diarias e agradece ao alcalde Carlos Gómez a “máxima implicación” brindada no proxecto.

