Concurso para a concesión da cafetería da Casa da Cultura de Camos

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camos saca a concurso a concesión de explotación do local destinado a cafetería-bar na Casa da Cultura de Camos. O prazo da concesión será dun ano, que se contará desde a data de formalización do correspondente contrato, con posibilidade de prórroga por outro ano, e revisable ao cabo do primeiro da súa actividade.

O horario de apertura do local de cafetería será como mínimo, de luns a venres de 11:00 a 22:00 e sábados e domingos de 10:00 a 22:00. Devanditos límites horarios poderán ampliarse ou diminuírse mediante acordo explícito e por escrito entre o beneficiario da concesión e a Asociación Cultural “A Camoesa”, comunicado posteriormente tamén por escrito á CMVMC de Camos.

O prazo de presentación de proposicións será desde o 14 de febreiro ás 12:00 horas ao 25 de febreiro ás 12:00 horas. As proposicións depositaranse na Casa da Cultura de Camos, na caixa de correos da CMVMC de Camos, en sobre pechado, coa documentación para achegar. Tamén serán válidas as enviadas ao correo electrónico da Comunidade de Montes cmvmcdecamos@gmail.com.

Unha vez recibidas todas as proposicións realizadas en prazo, comprobarase por parte da Xunta Reitora da CMVMC o cumprimento dos requisitos e a debida achega da documentación. En caso de detectar algún erro, falsidade ou falta, pedirase emenda ao interesado, sendo rexeitado se esta non se produce 24 horas antes do día da celebración da asemblea xeral da CMVMC de Camos, na que se elevará a votación a elección final de entre os concursantes.