O Baíña Fútbol Sala “pintará de amarelo” o Camiño Portugués pola Costa

O Baíña Fútbol Sala presentou este domingo no Parador de Baiona o seu proxecto “Pintando o Camiño de Amarelo”, cuxo obxectivo é levar os valores, que son o selo de identidade do club, como son o respecto, o compañeirismo, a solidariedade, ao longo do Camiño ata Santiago de Compostela. Pero tamén para motivar aos máis de 150 nenos e nenas que forman parte da entidade e mostrarlles o noso patrimonio.

Baiona é paso do Camiño Portugués pola Costa. Este roteiro é o segundo máis transitado, o segundo elixido polos peregrinos para chegar a Santiago. Milleiros de persoas pisaron, pisan e pisarán estas terras e como non, tamén o farán os mozos e mozas do Baíña, levando os valores do club e o deporte ao longo do Camiño. E como di o nome do proxecto, pintar o Camiño de amarelo.

“A nosa principal motivación á hora de realizar deporte é ter unha proxección e compromiso social, por iso quixemos este ano, xa que nos activamos de novo na competición, marcar outras pautas e crecer, de feito crecemos en nenos e en socios este ano. O noso obxectivo é facer o Camiño Portugués pola Costa con todo o equipo, con todo o club, con todas as persoas que forman o Baíña”, sinalou a súa presidenta, Ana Iglesias.

A presidenta do Baíña destacou que o club e o Camiño comparten valores en común. “No deporte e no camiño está a superación, a empatía, o altruísmo, a motivación. A motivación é o que move a todo o mundo, e aproveitamos esa motivación nos nenos e nas nenas, para que á vez gocen neste club aprendendo outras cousas, porque o Baíña desde que iniciou a súa andaina neste camiño non só dedícase a formar xogadores, senón que forma tamén a persoas. E ese é o noso obxectivo. Queremos que os nenos cando sexan maiores lembren a ese club que ademais de facer deporte con el tiñan experiencias”.

ETAPA 1: Caminha-A Guarda

O camiño comeza en Caminha, máis concretamente en Vila Praia de Ancora, vila mariñeira e fortificada. Para fomentar a interculturalidade, nesta viaxe aproveitarase para xogar un amigable contra o equipo local. Tras cruzar o Miño no Ferry ata A Guarda, visitarán o Monte Santa Trega.

ETAPA 2: A Guarda-Baiona

A seguinte etapa é a da Guarda-Baiona. Nesta etapa haberá unha parada en Oia para visitar o Mosteiro e facer unha xornada de convivencia no cámping O Muíño, onde ademais xogarase un minitorneo interno entre as categorías de base.

ETAPA 3: Baiona-Vigo

Esta etapa farase andando e unha vez en Vigo os “Xabaríns” xogarán uns amigables contra distintas escolas deportivas da cidade.

ETAPA 4: Baiona-Redondela

Nesta etapa collerán un barco da compañía Mar de Ons para poder facer unha visita guiada á Illa de San Simón. Ademais xogarase o Baíña FS-Redondela FS.

ETAPA 5: Redondela-Poio

Nesta etapa farán parada no Mosteiro de Poio e xogarase un partido de fútbol sala feminino contra o Poio.

ETAPA 6: Poio-Caldas

Esta etapa terá parada nas termas e no parque natural de Barosa para coñecer a contorna.

ETAPA 7: Caldas de Reis-Padrón

Nesta etapa fomentarán o coñecemento pedagóxico da cultura galega parando en Iria Flavia (onde naceu Camilo José Cela e o primeiro sitio onde predicou o Apóstolo Santiago) e na casa museo de Rosalía de Castro. Tamén haberá un partido contra o Stellae.

ETAPA 8: Padrón-Santiago

O Baíña F.S. será recibido na Praza do Obradoiro por Terio Carrera. Convivencia co Santiago Futsal.

Presentación da nova camiseta

Pedro Grandal, adestrador e xogador do Sénior Baitra, foi o encargado de presentar a nova camiseta do Baíña Fútbol Sala. Na manga esquerda temos o escudo do Concello de Baiona, e na dereita a identidade corporativa da campaña “Non á Violencia de Xénero” da Xunta de Galicia, ademais do hashtag #sempreamarelo. Na parte traseira o lema “Coraxe con Valores”, a identidade corporativa de Deporte Galego, o nome e o dorsal, o slogan da campaña publicitaria de Baiona, “Baiona te engancha”, o traxecto do Camiño Portugués e un peregrino. Na parte dianteira, a identidade corporativa da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, na zona do corazón como non podía ser doutra maneira o escudo do club, e no abdome a identidade corporativa de Baitra, patrocinador desde fai catro anos, e finalmente, a Fortaleza de Monte Real e a Carabela Pinta.

O acto, presentado por Cristina Maró e ao que asistiu Óscar Martínez, tenente alcalde de Baiona, Daniel Benavides, delegado de deportes da Xunta de Galicia, Gorka Gómez, deputado de Deportes, Pablo Prieto, presidente da Federación Galega de Fútbol Sala, Borja Arca, delegado Fútbol sala Vigo, Miriam Costas, concelleira de Deportes, ademais doutros representantes da corporación municipal, finalizou coa proxección dun minidocumental sobre o club e coa mascota “Xaba”, que dedicou aos asistentes un baile ao ritmo de Tanxugueiras.