Galicia propón un total de 115 areais para optar á bandeira azul 2022

Galicia propuxo un total de 115 areais para optar á Bandeira Azul 2022. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta semana nunha reunión do xurado nacional que concede estes distintivos, onde se deu a coñecer a listaxe de praias de cada comunidade autónoma candidatas na presente edición.

Do Campo destacou que a Comunidade galega, coas 115 propostas —37 da Coruña, 19 de Lugo e 59 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Canarias, Asturias, Cantabria e Andalucía.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que o esforzo realizado por 33 concellos —14 da provincia da Coruña, 8 de Lugo e 11 de Pontevedra— se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das candidaturas, sobre todo porque as administracións locais dedican importantes recursos para que os seus areais gocen de boa calidade das augas —que ten que ser excelente—, seguridade, servizos, e accesibilidade; así como para unha atinada xestión ambiental.

O fallo do xurado, que valorará que os areais sexan lugares seguros e accesibles para todas as persoas, darase a coñecer a mediados do mes de maio, tal e como lles trasladou o presidente da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), José Palacios.

Asemade, este encontro foi unha oportunidade para abordar a necesidade de aumentar a resiliencia das zonas litorais, sobre todo das dunas e das pradarías submarinas, xa que actúan como axentes protectores naturais das praias ante os temporais e, polo tanto, son imprescindibles para mitigar os efectos do cambio climático.