Nigrán abre o prazo de inscrición para os cursos de “Envellecemento Activo”

O Concello de Nigrán abre do 15 ao 17 de febreiro o prazo de inscrición para os tres cursos do programa “Envellecemento Activo”: Informática básica (martes ou xoves en horario de mañá), “Memoria” para previr o deterioro cognitivo (martes ou xoves en horario de tarde) e “Vivilo Corpo”, dirixido a potenciar as capacidades motoras a través de exercicios de movemento e coordinación (martes e xoves en horario de mañá). Os tres se celebrarán no Centro da Terceira Idade da Ramallosa e están dirixidos a maiores de 65 anos e/ou xubilados empadroados no municipio, tendo prioridade os que nunca os cursaran (en caso de solicitar varios, débese indicar a orde de preferencia para baremar). Os interesados deben solicitar praza na Oficina de Información Cidadá do Concello (planta baixa) do 15 ao 17 de febreiro de 10:00 a 13:00 horas. As prazas se cubrirán por rigorosa orde de solicitude tendo en conta os criterios sinalados. O de Informática será impartido polo profesor xubilado Antonio Lago e os outros dous foron adxudicados a AFAGA.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioracións cognitivas e neles baséase este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.

O carácter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.