De la Gándara lidera a Liga de Inverno Baitra J80

O Okofen do vigués Javier de la Gándara colocouse este sábado na cabeza da Liga de Inverno Baitra J80 tras impoñerse en dúas das tres probas coas que se inaugurou a competición. A tripulación viña coa espiña cravada tras habérselle escapado a Liga de Outono e demostrou, con contundencia, por que é un dos mellores equipos en liza e un dos claros aspirantes á vitoria final.

Os de De la Gándara regatearon con facilidade e lograron sacarlle, en moitos momentos, unha importante distancia ao resto da frota. De feito, na primeira manga cruzaron a liña de chegada con gran comodidade separados do resto.

Algo máis complicada púxoselles a segunda proba, na que cederon o protagonismo ao Alboroto, liderado polo que fose campión de España da clase, Javier Augado. O veleiro foi o máis rápido en tomar as boias e en chegar a meta, facéndose coa vitoria da manga e deixando ao Okofen no segundo caixón.

Pero a tripulación de Gándara non estaba disposta a deixar escapar o ansiado triunfo e aproveitou a terceira e última proba do día para sentenciar a clasificación con outro primeiro posto. E así, cuns parciais de 1-2-1, foi como o Okofen fíxose coa primeira vitoria da Liga de Inverno, que o Monte Real Club de Yates organiza ata o próximo mes de abril grazas ao patrocinio de Baitra Accesorios Navales.

Xunto ao Okofen e o Alboroto, o outro veleiro destacado da xornada foi o Marías do portugués Manel Cunha, que se mantivo sempre moi preto das primeiras posicións. Acabou cuns resultados de 2-3-3 e o terceiro posto na clasificación provisional, pero se mantén o seu bo facer será, sen dúbida, unha das tripulacións para ter en conta nas próximas xornadas.

O Top-5 tras este primeiro día de competición péchano o Cansino de Alejandra Suárez e o Spaco de Santiago Estévez, cuarto e quinto respectivamente. A seguinte cita coa liga invernal de monotipos é o próximo día 19.