Jesús Calleja inicia en Chandebrito a gravación do programa “Volando Voy”

O popular presentador do programa de televisión “Volando Voy”, Jesús Calleja, aterrou esta mañá en Chandebrito, a parroquia de Nigrán definida por moitos como “o quilómetro cero” dos incendios que arrasaron os montes galegos o pasado outubro. Alí, xunto co equipo de rodaxe, descubriu de primeira man a zona e os testemuños dos veciños e veciñas, entre eles a sobriña das dúas falecidas na traxedia.

Aínda que inicialmente estaba previsto que Calleja e o seu helicóptero tomasen terra xunto ao Castro de Chandebrito, as condicións meteorolóxicas impedírono, polo que finalmente o aventureiro chegou en coche ao antigo torreiro, xunto á igrexa parroquial, onde lle esperaban impacientes os veciños e veciñas xunto representantes da Comunidade de Montes.

Nos próximos días realizarase un simulacro de incendio no monte Galiñeiro, na zona de Vincios, e a plantación de máis de 1.000 árbores en “As Chans do Castro”, en Chandebrito, na que poderán participar todos os veciños e veciñas da parroquia. Será necesario levar un sacho para pechar os buracos que, previamente, estarán feitos para facilitar os labores e axustar os marcos de plantación. Finalmente proxectaranse vídeos das gravacións realizadas polo equipo do programa nun emprazamento aínda por determinar, aínda que se baralla a Praza do Concello ou o Auditorio V Centenario de Baiona.

“Volando Voy” é un popular programa que combina actividades de aventura xunto a entrevistas a persoas famosas e a veciñas e veciños daquelas localizacións que visita. Un dos seus obxectivos é descubrir a toda España novos e belos recunchos do territorio nacional. Un dos motivos elixidos para a elección das Rías Baixas é que se trata dunha das zonas máis afectadas polos incendios do pasado outubro.