Aberto o prazo de presentación de proxectos para a última convocatoria de axudas do GALP Ría de Vigo-A Guarda

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo-A Guarda quere animar ás persoas emprendedoras dos concellos da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda) a solicitar as liñas de axudas que proveñen da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que canaliza esta entidade.

Esta é a última convocatoria de axudas FEMP 2014-2022 e o prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 28 de febreiro de 2022. Estes fondos contribúen a mellorar e dinamizar o tecido socioeconómico potenciando as actividades relacionadas coa pesca.

Os proxectos que se presenten poden ser de dous tipos: para investimentos produtivos e para investimentos non produtivos. Os produtivos son aqueles que supoñen a realización dunha actividade económica e nos que se producen bens ou servizos e supoñen a creación ou mantemento de emprego. Os proxectos non produtivos non supoñen o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica e teñan carácter de interese público.

Unha das condicións para que os proxectos presentados opten á axuda é que encaixen dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Vigo-A Guarda que centra os seus obxectivos, entre outras cuestións, na mellora da competitividade do sector pesqueiro, a creación de emprego e atracción da mocidade, o aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros, a innovación en todas as fases da cadea de subministro dos produtos pesqueiros (produción, comercialización e distribución), e en actuar como garante dunha actividade sostible que promova o uso eficiente dos recursos biolóxicos mariños.

Para máis información as persoas emprendedoras cunha idea de negocio a desenvolver no territorio poden chamar ao 986 35 81 09 ou ao 646 87 31 06; ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal. As persoas interesadas recibirán información sobre os prazos de presentación de solicitudes, así como de todos os trámites para a presentación e elaboración da documentación.