Programa pioneiro de navegación terapéutica para mulleres vítimas de violencia de xénero en Baiona

Un total de 16 mulleres vítimas de violencia de xénero e 21 dos seus fillos e fillas beneficiáronse, o ano pasado, do programa “Vela contra a violencia de xénero”, un programa pioneiro en Galicia impulsado polo Monte Real Club de Yates e financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Igualdade.

A responsable do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, visitou estes días as instalacións do club baionés para coñecer de primeira man o desenvolvemento, materiais e infraestruturas empregadas nas actividades, que tiñan como principal obxectivo reforzar a confianza, autoestima e capacidade de toma de decisións destas mulleres.

Para logralo, deseñáronse recursos específicos que buscaban reducir o impacto emocional nas vítimas, minimizar o seu estado de ansiedade, alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, intelectuais, sociais e emocionais; fortalecer a súa autoestima e resistencia ante as adversidades; e potenciar a empatía, a escoita activa e as relacións saudables.

A práctica deportiva levada a cabo nos barcos do Monte Real Club de Yates contribuíu así mesmo a mellorar a súa saúde física e permitiu o desfrute dos seus fillos e fillas, para os que se puxeron en marcha actividades independentes específicas, destinadas principalmente a dar un respiro ás nais e á consecución dunha maior autonomía por parte dos pequenos.

As actividades desenvolvéronse durante 6 meses entre maio e outubro de 2021 e nelas participaron usuarias do Centro de Recuperación Integral de Santiago (CRI) e do Centro de Emerxencias para vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (CEMVI).

VELA EN FEMININO NO MRCYB

A iniciativa “Vela contra a violencia de xénero” forma parte do programa “Vela en feminino” do Monte Real Club de Yates, que busca fomentar, promocionar e difundir a presenza da muller no mundo da vela; e que tamén conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de favorecer a igualdade entre homes e mulleres na práctica náutica, o club baionés enviou tripulacións femininas a participar nalgúns dos trofeos máis importantes de Galicia e España; logrou que a Real Federación Galega de Vela crease premios femininos e mixtos no Campionato de Galego de A Dous, preparou un equipo para o Circuíto Nacional Feminino e organizou a final da Liga Nacional Feminina.