
Jose Antonio “Cohete” Suárez deixou claro na primeira xornada do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas que o seu Skoda Fabia RS Rally2 é moi superior o resto de vehículos. Desde que tomou a saída impuxo un ritmo altísimo, levando o seu vehículo ao límite e marcou o mellor tempo na primeira pasada aos tramos Barciademera-Fornelos e Ponte Caldelas. Na primeira especial avantaxou en 15 segundos ao Alpine A110 de Jorge Cagiao, que logrou o segundo mellor crono e en 16 segundos ao Skoda Fabia R5 de Alberto Meira. En Ponte Caldelas repetíronse as mesmas posicións e “Cohete” logrou ampliar aínda máis a súa vantaxe, en 5 e 8 segundos, respectivamente, sobre eses pilotos. A 39 segundos, en cuarta posición situábase tras ese primeiro bucle o gañador da primeira proba do CERA Recalvi, Álvaro Muñiz e na quinta, a 44 segundos o piloto de Salceda Jorge Pérez Oliveira.
A intensa choiva que caeu sobre Fornelos durante a disputa do tramo, provocou a saída de estrada de tres vehículos da cola de carreira. Os equipos necesitaron asistencia médica así que a organización decidiu neutralizar esa especial e, por precaución, tal e como estaba o firme, anular a segunda pasada por ela.
Si puido celebrarse a de Ponte Caldelas, e nela Álvaro Muñiz anotouse o scracht. Foi tres segundos máis rápido que Jose Antonio Suárez en completar os 7,82 quilómetros dese tramo e colocouse a tan só 2 segundos do terceiro posto da xeral, posición á que caeu Jorge Cagiao tras perder 17 segundos con respecto a Alberto Meira. O de Vincios apertou nesta segunda pasada por Ponte Caldelas e anotouse o segundo mellor tempo.
A primeira etapa do rallye concluíu con “Cohete” Suárez liderando a xeral provisional con 26 segundos de vantaxe sobre Alberto Meira, que ocupa o segundo posto e con 34 sobre o seu compañeiro do Recalvi Team, Jorge Cagiao. En cuarta posición situouse Álvaro Muñiz; o quinto posto é para Óscar Palacio; a sexta praza ocúpaa Adrián Costas e a sétima a máis dun minuto do líder, Jorge Pérez Oliveira. Unai de la Dehesa, Alejandro Martín e Juan Carlos Fernández pechan o top ten da primeira etapa.
No Trofeo Galicia Historic, no que compiten vehículos fabricados entre 1971 e 2000, a xornada deixa líder a Fernando Rico, que avantaxa en 12 segundos a Fermín Sousa e en 45 a Pablo Pazó, segundo e terceiro respectivamente. A mala noticia foron os abandonos, entre outros de Javier Martínez Carracedo, por unha saída de estrada, e de Jesús Ferreiro por problemas nos freos do seu Ford Escort MKII.
En canto ás copas, Javier Andrade Salgueiro lidera a xeral do Desafío Kumho Asfalto; na Clio Trophy Spain o duelo está servido entre Alejandro Martín e Juan Carlos Fernández, xa que a diferenza entre ambos é de tan só un segundo. Tomás Llinares lidera a Dacia Sandero; Fermín Sousa o Criterium Recalvi son 33 segundos de vantaxe sobre Pablo Pazó e na clasificación do Solo Renault Group, manda Cohete Suárez.
Este sábado, segunda e última xornada
A vitoria do 56º Rallye Recalvi Rías Baixas decidirase este sábado coa disputa de tres tramos a dobre pasada e a nova especial de Vigo. Ás 10 da mañá, os vehículos sairán do centro da cidade olívica para, previo paso pola asistencia de Samil, acometer a primeira especial do día, o Tramo Vigo-Nigrán de 13,76 quilómetros. Posteriormente afrontarán os 11,62 quilómetros da especial Gondomar-Porriño e, tras el o tramo de Salceda (de 10,37 km). Concluído o primeiro bucle, pasada xa a unha da tarde, os vehículos quedarán agrupados durante media hora na Rúa Doantes de Sangue de Porriño para dirixirse a continuación ao Parque de Asistencias de Samil.
A competición renovarase ás 15.20 horas coa segunda pasada e no mesmo orde aos tramos da mañá e concluirá coa disputa do Tramo Vigo, unha especial de 4.42 quilómetros que se disputará sobre o mesmo percorrido do Shakedown, nas inmediacións do Monte Alba pasadas as 18.20 horas.
O tramo Vigo proclamará ao gañador do 56 Rallye Recalvi Rías Baixas, e no centro da cidade renderase unha merecida homenaxe aos mellores equipos a cerimonia de entrega de trofeos prevista para as 20 horas.