Sin categoría

Gondomar insta á Xunta a cumprir cos traballos de mantemento e conservación da Estación de Autobuses

O Grupo Municipal Socialista de Gondomar presentará este xoves ao pleno unha moción sobre o mantemento e conservación da Estación de Autobuses, na que recorden que a limpeza, mantemento e conservación das infraestruturas públicas é un aspecto fundamental que se debe realizar non só de cara á boa imaxe que ofrece un pobo á súa veciñanza e visitantes, se non tamén por cuestións relacionadas coa saúde, o medio ambiente e a accesibilidade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, considera que calquera persoa usuaria que utilizara a estación de autobuses de Gondomar nos últimos tempos, especialmente en horario nocturno, “podería verificar que se trata dun espazo sinistro, desolado e apenas accesible”. “Dita estación, da que é titular a Xunta de Galicia, é o edificio público en uso de Gondomar que presenta maior abandono e desidia no seu mantemento”.

Si ben, a súa conservación e mantemento compete á empresa concesionaria da súa xestión, a empresa Autocares Melytour, segundo Misa dita xestión é en moitos casos inexistente deixando ditas tarefa a un terceiro. “Aínda que a conservación da instalación máis o edificio sexa responsabilidade desta empresa, a Xunta, como titular debería esixir a súa posta a punto”.

O concelleiro sinala que en canto a problemas máis concretos que fan da estación de autobuses un lugar desolado, hai problemas relacionados coa imaxe e mantemento en xeral: abandono das instalacións, paredes en mal estado, deficiente iluminación, incluso inexistente polas noites, mal estado do mobiliario, baños impropios dun lugar destas características, sinalización en mal estado, por non falar do peche da oficina, despacho de billetes incluída a cafetería. “Situación que as persoas usuarias teñen que soportar diariamente pola falla destes servizos incluíndo as deficiencias en cuanto á información de interese que se facilita na estación, que é inexistente en moitos casos”, lamenta Misa.

“Debemos lembrar que dende o ano 2014 a Administración autonómica non executa ningunha obra de mantemento, conservación ou mellora de entidade na estación de autobuses de Gondomar, limitándose daquela a arranxar deficiencias de construción como a mellora da accesibilidade e a mobilidade ou a drenaxe superficial das dársenas e plataformas. Por todo elo, hai motivos máis que suficientes e razoables para que a Xunta de Galicia, dunha vez por todas, e tal e como se leva demandando dende hai anos, cumpra coa súa obrigación coa veciñanza de Gondomar e faga da estación de autobuses un lugar digno dos tempos que corren”, conclúe o concelleiro de Medio Ambiente.

A moción insta á Xunta de Galicia que cumpra cos traballos de mantemento e conservación da súa estación de autobuses sita en Gondomar e particularmente as que se enumeran a continuación:

  1. Apertura urxente do edificio da estación de autobuses, así como a posta en funcionamento dos seus servizos, para uso e desfrute das persoas usuarias, así como das e dos traballadores do servizo de autobuses.
  2. Limpeza e mantemento viario da instalación e a súa contorna, así como a realización de todas as obras que del deriven.
  3. Acendido de todo o alumeado da estación, principalmente en horario nocturno.
  4. Dotar a estación de autobuses de Gondomar dunha cabina telefónica, para que toda persoa que o precise poida facer uso dela dentro da instalación.