Gondomar volve converterse na capital das rondallas

Gondomar celebrou finalmente este domingo o seu XXXIX Certame de Rondallas de Reis, coa participación de 12 agrupacións da provincia, todas elas abandeiradas, tres procedentes de Vigo, tres de Mos, dous do Porriño, dous de Gondomar, unha de Nigrán e unha última de Tui. Durante máis de seis horas, por terceira vez divididas en dúas quendas, unha de mañá e outra pola tarde, as Rondallas de Atios, Santiago de Parada, Santa Eulalia de Mos, Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Herville, Bembrive, Pontellas, Santiaguiño de Guizán, Beade, Valadares e O Mosteiro-Pexegueiro encheron de cor e música as rúas da vila condal.

Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Paco Ferreira, e ás demais autoridades municipais, e recibir un detalle conmemorativo, ofreceron ao público asistente a súa actuación na Praza Paradela. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.

No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións éxitos de todas as décadas, sen esquecer as panxoliñas ou as bandas sonoras. “My Way” de Frank Sinatra, “Mamma Mia” de Abba, “Galicia” de Pimpinela, “Wake Up” de Aviici, “Sweet Child O’Mine” de Guns N’ Roses, “Besos” de El Canto del Loco, “El Tamborilero” de Raphael, “The Flintstones” dos Picapiedra ou un popurrí de Georgie Dann con “La Barbacoa” ou “Mami que será lo que quiere el negro”, son algunhas das melodías que soaron en Gondomar.

Festa de Interese Turístico

O pasado mes de novembro a corporación municipal aprobou por unanimidade iniciar os trámites ante a Xunta de Galicia para que este certame sexa declarado “Festa de Interese Turístico” ao cumprir todos os requisitos necesarios para este recoñecemento ao ser unha de máis arraigadas e lonxevas tradicións do Nadal en Gondomar, converténdose nun símbolo distinto dos fastos natalicios na localidade.

Ademais vén apoiada pola súa historia que xustifica a antigüidade, arraigamento, valor e continuidade no tempo, ao interromperse só en dúas ocasións: o Nadal do 39 co país en guerra e no 2021 como consecuencia da pandemia. O alcalde, Paco Ferreira, móstrase confiado en que se logrará a Declaración de Festa de Interese Turístico porque “cada ano son miles as persoas que se achegan a Gondomar para presenciar o desfile das rondallas da provincia que, no seu calendario, sempre teñen marcada esta data para dar o mellor nas nosas rúas”.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.