O PP cualifica de “desastrosa” a reforma do paseo da Foz e advirte que incumpre a normativa de accesibilidade

O PP de Baiona lamenta que despois de gastarse 195.000 euros en, supostamente, arranxar o paseo da Foz, este presente un aspecto “deplorable” porque o goberno local baionés “non se preocupou en ningún momento de facer un seguimento dos traballos para asegurarse un bo acabado”. Pero segundo os populares non só iso, á “desastrosa xestión da obra desde o inicio” únese tamén que “este goberno local tampouco se decatou de que o paseo da Foz tamén incumpre a normativa de accesibilidade, que o fai intransitable para as persoas con mobilidade reducida”.

Os tres chanzos de baixada ao paseo, un dos máis transitados de Baiona, son unha barreira arquitectónica infranqueable para aqueles veciños e visitantes de avanzada idade ou que necesiten dunha cadeira de rodas para desprazarse. “Con todo, o concelleiro de Accesibilidade e o alcalde, Carlos Gómez, como último responsable do goberno local, deberían de negociar con Costas ou, mesmo, coa empresa executora das obras, a necesidade de eliminar, polo menos, unha parte desa escalinata e construír unha rampla. Ou, mesmo, se esta opción non fose posible, que o propio Concello encargásese de realizar este traballo. Pero, unha vez máis, este tripartito non pensa nos baioneses e demostra a pouca sensibilidade que ten en materia de accesibilidade”.

“Non é a primeira vez que este goberno local do PSdeG, Bng e Nós pon de manifesto a súa despreocupación pola accesibilidade. En 2021 gastaron noutras cuestións os 50.000 euros que o goberno do PP deixou concedidos a través do Plan Concellos para a instalación dun ascensor desmontable no edificio do Concello, o único da contorna que non está adaptado ás persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, para conectar o hall do consistorio coa primeira planta do edificio municipal”, lembran desde o PP.

Os populares tamén destacan que en outubro de 2019 o tripartito deixou escapar unha subvención concedida pola Xunta por valor de 46.524 euros destinada a crear unha área accesible na Praia Ladeira. “Tratábase dun espazo único no sur da provincia de Pontevedra que, ademais de ser útil para os veciños de Baiona e, especialmente, dos usuarios do centro de día próximo, tamén serviría como atractivo turístico para colectivos con discapacidade”. Por tanto, valoran os populares, “é evidente que este goberno local non aposta pola accesibilidade e despreza calquera partida destinada a mellorar a calidade de vida dos veciños en materia de mobilidade”.