Lucenza homenaxeará a Darío Xohán Cabana durante a súa presentación ao público este venres en Nigrán

Lucenza-Ateneo de Nigrán levará a cabo unha pequena homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, recentemente falecido, durante a súa presentación como asociación este venres, 28 de xaneiro, no Auditorio Municipal, ás 20:00 horas.

Durante o acto o presidente, Xabier Méndez, xunto con algúns membros da entidade, explicarán ao público os obxectivos e actividades programadas nos vindeiros meses. Xunto coa lectura de poemas de Darío Xohán Cabana, non faltará a música en directo, coa actuación de Jorge Vilas (frauta traveseira) e Adrián Lamek Méndez (acordeón). Animarase, así mesmo, aos veciños á participación nesta asociación e abrirase tamén un tempo de coloquio entre as persoas asistentes.

Lucenza – Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.

O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de converterse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.

Obxectivos

Lucenza quere contribuír modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio. Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas, como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Club de lectura “Compartindo libros”.

Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe; a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego, a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.