Xunta e Cemma renovan a súa colaboración para garantir a asistencia aos réptiles e mamíferos mariños

A Xunta de Galicia e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) acaban de renovar o seu convenio de colaboración para a asistencia e a recuperación dos animais varados no litoral galego. Deste xeito, a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano 40.000 euros a manter as accións que, desde hai case dúas décadas, desenvolven ambas entidades de maneira conxunta co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.

En virtude do referido convenio, vixente ata o 15 de decembro de 2022, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; a prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte.

A Consellería, pola súa parte, financiará todas estas accións e se ocupará do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados.

A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas que poidan reverter esta situación.

Neste sentido, a colaboración coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.

Para desenvolver o seu labor, a asociación dispón de dúas unidades móbiles e dun centro veterinario en Nigrán, dotado de UCI e destinado en exclusividade ao tratamento destas especies de animais.

Normalmente e unha vez se logra a estabilización do exemplar tras prestarlle os coidados axeitados, a segunda fase da rehabilitación céntrase en preparalo para retornar ao medio mariño, un proceso para o que se conta tamén coa colaboración do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, xa que dispón dunha piscina exterior nas súas instalacións na Illa de Arousa.

Ao abeiro do convenio coa Xunta, rexistráronse o ano pasado un total de 240 mamíferos mariños e tartarugas que recalaron nas costas galegas. A grande maioría destes varamentos pertencían ao grupo dos cetáceos (un 71%) e dentro destes, os exemplares máis frecuentes foron os golfiños comúns.

Cómpre subliñar tamén a notable proporción de exemplares que chegaron á costa galega con vida, xa que supuxeron un 17% da totalidade de varamentos de mamíferos mariños e tartarugas contabilizados durante 2021.

Especies consideradas vulnerables

Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral, onde destacan especialmente dúas especies de cetáceos: a toniña (Phocoena phocoena) e o arroaz (Tursiops truncatus); así como a tartaruga mariña común (Caretta caretta), dado o seu status de protección como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas.

Anualmente estímase que varan nas costas galegas unha media de 265 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, estando moitas veces incluídas no listado de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas.

Máis do 10% destes animais son recollidos con vida, o que fai necesario a súa asistencia e rehabilitación inmediata como medida imprescindible para lograr á súa conservación. Igualmente, o estudo dos cadáveres do resto de exemplares tamén reporta información moi valiosa para a adopción das medidas axeitadas para poder actuar sobre as causas directas e indirectas que supoñen unha ameaza para estas especies.