O BNG acusa á Xunta de impoñer unha normativa sen consenso que agrava o conflito da mexilla

O Bloque Nacionalista Galego acusa á Xunta de agravar o conflito entre os sectores mexilloeiro e percebeiro após ter imposto unha normativa sen diálogo nin consenso. Unha delegación da fronte nacionalista mantivo este venres un encontro con representantes da confraría de pescadores “A Anunciada” de Baiona, que trasladaron o crecente malestar do sector pola situación actual.

“Desde o BNG esiximos que a conselleira de Pesca medie e sente a negociar para acadar unha solución. A resolución deste conflito pasa necesariamente polo diálogo cos bateeiros e percebeiros, non pola imposición dunha normativa que non contenta a ningunha das partes”, denunciou tras a xuntanza a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que estivo acompañada pola portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, a concelleira do Bloque en Baiona, Yasmina Moreira, e o responsábel local en Nigrán, Xavier Rodríguez.

González criticou que o Goberno galego impuxera de forma unilateral un novo marco normativo en 2019, tras case 20 anos sen actualizar a lexislación. Unha falta de consenso que, en opinión das nacionalistas, está a provocar unha escalada do conflito. “É momento de achegar posturas entre dous sectores fundamentais para economía galega, a conselleira de Pesca ten que exercer dunha vez as súas competencias e deixar de mirar cara outro lado antes de que sexa demasiado tarde”, demandou González.

Segundo explicaron na confraría de Baiona, o reparto das zonas é o punto central do conflito, posto que o sector mexilloeiro extrae a semente das mesmas rochas nas que traballan os percebeiros. Desde a fronte nacionalista reiteraron a necesidade de que a Xunta interveña para mediar nestes enfrontamentos que se veñen repetindo ao longo dos últimos anos, cada vez con maior intensidade.

Para o BNG, a solución inmediata pasa por unha cesión de ambos sectores para un reparto equilibrado e consensuado. Porén, as nacionalistas consideran imprescindíbel buscar saídas de futuro para evitar a repetición constante do conflito. Entre as propostas, chamaron a apostar na cría da mexilla fóra do medio natural, unha solución que permitiría “desestresar” as zonas nas que conviven ambas actividades.