Podemos Nigrán requirirá un pleno extraordinario para abordar o protocolo do inicio do curso

O Círculo Municipal de Podemos Nigrán solicitará ao Goberno Municipal que se convoque un pleno extraordinario no que tratar con máxima urxencia a moción que presentarán co fin de que este inste á Xunta de Galicia a resolver a situación de dubidosa seguridade sanitaria no inicio do curso escolar 2020/2021. Así mesmo, interpelan ao Partido Popular de Nigrán, posto que consideran fundamental a súa posición fronte as accións da Xunta, manifestando se están de acordo con estas ou se pola contra desvincúlanse publicamente e cren necesario outra forma de facer as cousas.

A Xunta de Galicia publicou un protocolo para o inicio do curso académico, no que en ningún momento se contou coa opinión da comunidade educativa e foi acollido con preocupación por sindicatos, directivas e profesorado dos centros. Destaca a falla de mobilización de recursos, e as dúbidas de como preservar a seguridade do alumnado, profesorado e familias ante medidas de seguridade e distanciamento que non concordan cos criterios establecidos pola OMS. Outra cuestión que preocupa é que se traslade a responsabilidade de establecer criterios e tomar decisións respecto a situacións derivadas dunha crise sanitaria á comunidade educativa.

Polo que pregan ao Concello de Nigrán que interceda pola comunidade educativa do municipio e demande coa máxima celeridade os seguintes puntos expostos en devandita moción:

– Convocar a sindicatos, comunidade educativa e federacións de ANPAS co fin de consensuar un novo protocolo.

– A administración dos fondos procedentes do Goberno do Estado de maneira transparente, e mobilizar fondos propios para o cumprimento de ratios, medidas de prevención, hixiene e distanciamento que se establezan no protocolo consensuado e definitivo.

– A creación dunha bolsa COVID19 de contratación en interinidade de cara ao reforzo do profesorado durante o curso 2020-2021.