
A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro denuncia unha afección máis á serra, esta vez en Prado, Morgadáns, Gondomar. “En realidade víase vir, pero atallar este tipo de atropelos é difícil. Trátase do recheo da canteira de Penide, unha canteira (como tantas) problemática dende o principio: cando a estaban explotando soamente tiña permiso de investigación, supoñemos que cando acadou o permiso de explotación xa estaba o material esgotado, e cando iso ocorreu esperouse uns dez anos a “restaurala”. Como sempre a “restauración” coincide coas obras de desterro das zonas limítrofes: polígono do Porto do Molle, obras en Vigo, etc etc”, apuntan.
“Á vista está que a terra botada supera a cota do terreo circundante, e tamén a do monte que existía antes da canteira; o letreiro indicativo de tal restauración non existe; os sedimentos que a chuvia arrastra dese gran depósito están xa na Chan das Moutas, zona de importante valor ecolóxico; o río de Vilas no seu nacemento vai cheo de barro nos días de chuvia. Unha das ramas do río de Morgadáns tamén nace xustamente aquí; chegarán estes sedimentos a el?”, pregúntanse desde a Plataforma.
“Se hai vinte anos no Lapido, tamén en Prado, fomos testemuñas da afección do río Morgadáns e da aberración paisaxística, orográfica e ecosistémica provocada pola chamada restauración da canteira que alí había, agora vémonos no inicio do mesmo proceso. Unha desgraza que pasen os anos, se fale cada vez máis de sustentabilidade, de problemáticas ambientais, cambie o partido político que goberna a Entidade Local Menor de Morgadáns, cambie o partido que goberna o Concello de Gondomar, e se repitan exactamente os mesmos feitos!”, lamentan.
“Parece que os gobernantes non coñecen o valor ambiental dos ríos en xeral, nin o dos humedais da Chan de Prado en particular. Estes últimos son ecosistemas xa escasos en toda a serra e tamén nas serras circundantes, e son fráxiles de por si. Por suposto que están á beira das estradas ao Aloia e ao Porriño e que nunca se ten precaución con eles, pero agora a lama pode acabar definitivamente con estes hábitats. Son estas as últimas bouzas (brañas, lagoas ou como se lle queira chamar) que quedan en Prado; as que houbo noutros tempos convertéronse nun lugar ou barrio do propio Prado, e delas só queda o nome! Ou pola contra, é que estes gobernantes non queren coñecer como funciona a natureza?!. Nós esiximos aos que teñen responsabilidade neste asunto que a asuman, e a asuman xa”, conclúen.