Nigrán celebra este venres o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo “Un Nigrán para todos” e o CEE Juan María, conmemorará como cada ano este 3 de decembro o Día Internacional da Discapacidade coincidindo ademais co acendido do alumeado ás 20:00 horas na Praza do Concello, polo que como é habitual e con maior motivo, as mochilas vibratorias estarán dispoñibles no concerto que se ofrecerá a esa hora.

O festexo desta data arrancará ás 12:00 horas no Auditorio Municipal coa presentación do novo vídeo ao respecto elaborado polo CEE Juan María coa colaboración dos diferentes centros educativos de Nigrán, elixindo neste ano a canción “Eso que tú me dás” de Pau Donés. Ao rematar lerán un manifesto e as 12:30 horas terá lugar a actuación do dúo de danza acrobática da Fundación Igualarte, entidade que traballa con persoas con diversidade funcional para facilitar que poidan expresarse de maneira artística. Xa pola tarde, desde as 18:30 no Auditorio Municipal, abrirá a xornada “Descubrindo talentos e boas prácticas na discapacidade” a edil de Nigrán e mestra no CEIP Humberto Juanes Marina Vidal co relatorio “Traballo cooperativo nas aulas”. A continuación, Jacinto Lareo, profesor de dereito na Universidade de Vigo e presidente da Fundación Tutelar Sálvora, falará sobre a lexislación aplicada correctamente á discapacidade e o veciño Nacho Fernández, Premio Nigrán 2016 e campión nacional de slálom en cadeira de rodas, ofrecerá un relatorio sobre a súa experiencia vital. Finalmente, a Fundación San Xerome Emiliani de A Guarda presentará a cooperativa de fogares “SanXe”. O proxecto prevé a rehabilitación dun edificio patrimonial no Centro urbano de A Guarda, que se destinará á construción de 30 fogares inclusivos, onde 30 persoas con diversidade intelectual residentes na comarca do Baixo Miño poderán vivir de forma autónoma e independente, cos apoios profesionalizados necesarios para poder facelo. Constituirase unha Cooperativa de consumidores e usuarios baseada no modelo “Coop-housing”, pioneira en Galicia, na que as persoas socias serán as persoas con diversidade intelectual que vivirán nos fogares “SanXe”; sendo deste xeito copropietarios, poderán vivir neles sen ter que afastarse da súa contorna, con autonomía, participando na toma de decisións, contando cunha ampla carta de servizos complementarios, con atención personalizada e apoiando aos seus familiares nas súas necesidades de conciliación…

Paralelamente, a Casa Consistorial iluminarase esta semana de verde (cor que representa a discapacidade) e o goberno local xunta ao grupo interdisciplinar “Un Nigrán para todos” participará un ano máis no reto viral #BaixoUnMesmoParaugas e anima á veciñanza que tamén o faga. Esta iniciativa une cada 3 de decembro a máis de 80 entidades sociais de Galicia e consiste en facer unha foto cunha mensaxe positiva “Abro o paraugas por…” e compartila nas redes sociais co hastag #BaixoOMesmoParaugas e etiquetando ao colectivo, @galiciadiversa. “Todas as persoas, absolutamente todas, temos un talento especial, e no caso das persoas con diversidade existe unha tendencia a non recoñecelo socialmente, polo que desde o Concello queremos rachar con esta falsidade e estereotipo erróneo”, subliña o alcalde, Juan González.