O Rallye Recalvi Rías Baixas volve en maio

O Rallye Recalvi Rías Baixas aséntase no calendario nacional, dentro da Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA) da que tamén formou parte o pasado ano e, ademais para esta ocasión, recuperando a data na que habitualmente estivo presente: a última fin de semana do mes de maio. Aínda co calendario da Copa por definir na súa totalidade, o Rallye Recalvi Rías Baixas será a segunda cita da tempada, tras o Rally do Cocido.

Como novidade, ademais dos equipos que sigan o certame, sumaranse á proba viguesa os participantes da Clio Trophy Recalvi Spain e a Dacia Sandero Cup Recalvi; dúas copas monomarca nacionais que son trampolín para as novas xeracións de pilotos e que nas últimas tempadas contaron con numerosos equipos e depararon interesantes loitas polo título en cada unha delas. O Grupo Renault mostra así o seu firme apoio a este rallye, ao que sempre estivo moi vinculado a través de Rodosa, o seu concesionario oficial en Vigo.

Non serán estas as únicas novidades para a 55 edición do Rallye Recalvi Rías Baixas. A organización, baixo o amparo do Grupo Recalvi, traballa xa no percorrido deste ano, ao que se pretenden introducir cambios con respecto ao visto en edicións pasadas. Entre outras contémplase a presenza dun tramo cronometrado no termo municipal de Ponte Caldelas, despois de que este concello mostrase o seu firme interese por formar parte da carreira máis veterana de Galicia.

Quedan por diante meses de moito traballo para a Escuadra que preside Fernando Mouriño, co desexo e a firme convicción de que, este ano si, a Covid-19 non será condicionante para materializar unha nova edición do Rallye Recalvi Rías Baixas.