O Vigo-Rías Baixas fortalece o seu bloque galego sub23 coa fichaxe de Ramón Fernández

A menos dun mes para que se poña en marcha o calendario estatal, o Vigo-Rías Baixas apontoa o seu persoal coa sétima incorporación para a nova tempada. Ramón Fernández únese á estrutura presidida por José Luis Chamorro. O ciclista de Ames incrementa a cota de sub23 galegos que defenderán a camisola flúor.

Este bloque de novos talentos estará composto por cinco corredores. Do mesmo xeito que Ángel Maneiro, Andrés Taboada, Jorge Fernández e Martín Rey, a última fichaxe do Vigo-Rías Baixas foi convocado nalgunha ocasión pola Selección de Galicia. No palmarés de Ramón Fernández destaca o trofeo de mellor ciclista autonómico na Ruta do Albariño 2019.

“Recalar neste equipo supón un orgullo e estou moi ilusionado. A súa forma de correr, a combatividade que demostra en todas as carreiras e o bo ambiente que hai son factores que valoro de maneira moi positiva”, afirma o ex do Aluminios Cortizo.

O coruñés, de 21 anos, quere “seguir aprendendo e dar un paso adiante”. A súa ambición tentará plasmala con éxito sobre o asfalto na Copa de España, un certame que no seu calendario ofrécelle dúas citas moi especiais: “Márcome a Copa como un obxectivo principal e, sobre todo, as carreiras en Galicia: a de Vigo por ser a xornada que organiza o equipo e a de Padrón porque se disputará nas estradas polas que adestro a diario”.

Todos os reforzos desvelados polo conxunto flúor durante as últimas semanas cumpren co requisito de ser menores de 25 anos para poder competir nas probas da Copa de España. A dirección da entidade olívica traballa para dar por pechada a súa nómina de corredores antes do inicio dunha campaña moi especial, por tratarse do seu décimo ano na categoría e por defender a condición de gañador en 2021 da Clasificación Elite española.