Medio milleiro de persoas acompañaron ao Apalpador nas súas visitas ao Val Miñor

O Apalpador viviu un novo éxito de público nas súas visitas aos concellos da provincia dentro do programa Nadal en Galego organizado polo departamento de Lingua da Deputación de Pontevedra. Foron máis de 7.000 cativas, cativos e maiores as e os que puideron gozar da súa música, os monicreques, historias e pasarrúas nos que se fomentou o “amor ao Nadal galego” e se divulgou a necesidade do coidado da lingua, o medio ambiente ou a alimentación saudable e os produtos locais.

No Val Miñor foron preto de medio milleiro de persoas as que acompañaron ao Apalpador nas súas actuacións. En Gondomar o día de Nadal houbo incluso unha recepción das autoridades do concello, cunha preciosa sesión e un pasarrúas “roubando” o trineo de Papa Noel para contarlle á cativada da zona “a verdadeira historia de que Papa Noel era galego, emigrante do Courel, que tiña unha tía en Gondomar e viaxou até Laponia onde o chamaban Papa Courel que en laponés tradúcese como Noel”.

En Nigrán a sesión tivo lugar segundo as verbas do Apalpador “nun parque precioso” e con moitas nenas e nenos, “onde unha señora díxonos que eramos unha verdadeira universidade rodante” . En Baiona realizouse unha magnífica sesión nocturna onde despois do pasarrúas extenso “xuntáronse case cen persoas pedindo máis e máis”.

A deputada de Lingua María Ortega sinala que este ano estaban previstas máis actuacións ca nunca, en 43 concellos, nos que foi preciso ademais realizar varios pases das actuacións (ata 62 en total) debido á afluencia de público por petición da veciñanza, que participaba tanto de maneira activa nas sesións de contos musicados ou como espectadora dos pasarrúas. De feito, por motivo da COVID, a pesares da alta incidencia, só houbo catro municipios que decidiron cancelar, polo que a nacionalista amosou a súa satisfacción do ben que funcionou a iniciativa, que tivo que estenderse dende o 20 de decembro ata o 4 de xaneiro pola cantidade de funcións previstas.

O propio Apalpador tamén destacou que a viaxe pola provincia foi “un soño, un verdadeiro soño, un agasallo da vida inesquecible” e unha viaxe “máis interesante e aventureira, a máis fermosa que nunca fixen” polas dificultades da pandemia e tamén polo mal tempo.

Este ano incorporáronse novidades como os agasallos forestais (repartíronse 220 árbores autóctonos como sobreiras, loureiros e érbedos), que fixeron que o proxecto se convertera nunha verdadeira “universidade rodante” divulgando os nomes das pezas, as súas características, as contornas da montaña galega, dos espazos naturais da provincia de Pontevedra: unha aula-escola que promoveu comportamentos de coñecemento e protección dos elementos da natureza, fomentando a reciclaxe e compostaxe.

Púxose en marcha tamén un proxecto audiovisual con monicreques da man da compañía de Marín “Tarabelos, títeres e contacontos” e dos creadores audiovisuais e plásticos de Pontevedra, Belén Veleiro e Cris Lores que fixeron nacer unha historia vencellando a Serra do Courel co carballo de Santa Margarida nunha viaxe dende Folgoso do Courel até Pontevedra.

Creouse, ademais, “A banda da montaña” transformando a viaxe nun musical de rúa introducindo novos sons e composicións musicais co saxo, guitarra, peitoque, gaita, cavaquiño e acordeón diatónico con acordes tradicionais galegos. Nela, ademais do Apalpador (Anxo Moure), participaron Servando Barreiro (músico cunha longa traxectoria, traballos editados e varios recoñecementos e premios); Viridiana Barreiro (estudante de conservatorio e saxo da banda de Bembrive); e Brais Moure: Músico afeccionado, monitor de tempo libre titulado e estudante do Ciclo de Educación Ambiental da Granxa en Ponteareas.

As visitas do Apalpador dividíronse este ano de maneira comarcalizada, intentando facer o maior número de sesións por día en espazos o máis próximos posible co fin de reducir a pegada ecolóxica das emisións do transporte e mitigar o cambio climático.