Concerto fin de Nadal en Nigrán a cargo de Alba Raña Barreiro e Lara Raña Barreiro

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 8 xaneiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto de fin de Nadal de frauta traveseira e piano a cargo das irmás Lara e Alba Raña Barreiro.

Nacidas no 2001 en Vigo as irmás Raña Barreiro continúan o I Ciclo de Novos Intérpretes do Concello de Nigrán, un certame que nace co obxectivo de ofrecer actuacións de novos talentos musicais de toda España, ben matriculados no derradeiro curso do Conservatorio Superior ou ben gañadores dalgún concurso nacional ou internacional (solistas ou formacións camerísticas).

Interpretarán nunha primeira parte a Sonata N 9 en Re Maior de W.A. Mozart, “Paraphrase de concert sur Rigoletto” S. 424 de F. Liszt e “Deux Poemes” Op. 32 de A. Scriabin. Nunha segunda parte interpretarán a “Sonata op. 15, La Flûte de pan” e rematará o concerto co “Nocturno e Allegro scherzando” de P. Gaubert.

I Ciclo de Novos Talentos

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.

“Trataremos de ofrecer unha variedade instrumental e musical para achegar ao público xeral obras de diversos estilos e épocas. Estamos seguros, pois, de que todos os afeccionados á boa música van gozar da oportunidade de escoitar aos mellores intérpretes nacionais durante o próximo ano no Auditorio do Concello de Nigrán”, apunta o alcalde, Juan González.