Nigrán reabre o aparcadoiro da Ramallosa con dúas horas gratis

O Concello de Nigrán abrirá hoxe, véspera de Reis, o parking de A Ramallosa despois de 5 anos totalmente pechado. O consistorio asume a súa xestión directa tras conseguir o goberno local remunicipalizar unha infraestrutura que pertencía á concesionaria “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.”, empresa liquidada e disolta no 2019. O estado de deterioro desta instalación demorou máis de previsto a súa apertura ao ser preciso realizar investimentos por valor de máis de 120.000 € para cumprir con todas as normativas vixentes e para dotalo de dúas tomas para vehículos eléctricos.

“Gustaríanos ter aberto antes pero, finalmente, tivemos que facer máis arranxos dos previstos para cumprir con todos os criterios de seguridade. O beneficio para o comercio local da Ramallosa e para os usuarios da piscina mancomunada situada ao seu carón é incalculable”, refire o alcalde, Juan González.

Así, estas primeiras semanas, e de xeito experimental a modo de proba, será totalmente gratuíto, permanecendo aberto de 8:00 a 22:00 horas de luns a sábado. Posteriormente rexerase polos prezos públicos xa aprobados, que comprenden as 2 primeiras horas gratis (estes usuarios nin sequera terán que validar o tíquet) e a partir de aí 0,02 €/minuto ata un máximo diario de 14,40 €. A maiores, o goberno local contempla liberar 90 prazas para os comerciantes deste núcleo urbano, xestión que se fará a través de a asociación de empresarios Ovalmi. Igualmente, co obxectivo do goberno local de fomentar a compra de vehículos eléctricos, a súa carga será gratuíta.

A posta a punto do parking supuxo para o Concello un investimento de máis de 120.000 € nos traballos de certificación da instalación eléctrica e de seguridade, reposición da maquinaria, axuste da protección contra incendios, instalación de dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta, a propia limpeza de toda a superficie ou a posta dos dous cargadores. Igualmente, o Concello negociou coas distintas partes implicadas e non ten que asumir ningunha débeda ou indemnización á empresa concesionaria.

O goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficie económica e socialmente a todo este núcleo. “Unha concesionaria loxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa”, engade o rexedor.

O parking, aberto no 2007 coa concesión a 39 anos para “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.”, foi pechado pola empresa o 1 de xaneiro de 2017, sendo liquidada a adxudicataria xudicialmente a mediados de 2019. A tramitación de cara a súa re-municipalización, moi complexa, foi asumida directamente polo edil de Mobilidade Diego García, quen estivo á fronte da actualización de todo o recinto para que cumpra con todos os requirimentos precisos de seguridade.

Este aparcamento súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100% público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano, e a outra leira no Bulevar de Praia América de 4.000 metros cadrados cedida gratuitamente polos propietarios e con capacidade para máis de 200 coches.

“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a reapertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público un dos grandes logros deste goberno”, resume González.