O Val Miñor recibirá preto de 43.000 € da Deputación para rehabilitar patrimonio histórico cultural

O departamento de Patrimonio da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o reparto de 376.824,55 euros en axudas para proxectos de rehabilitación do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 47 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, a partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 77.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa totalidade. De feito, todos os concellos reciben a cantidade económica solicitada salvo tres, Meis, Gondomar e Redondela, que reciben cifras moi superiores á media, por enriba dos 21.000 euros.

Ortega lembra que desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta con estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra. De feito, entre as subvencións deste ano encóntranse cuestións tan diversas como contornas arqueolóxicas, petos e cruceiros, lavadoiros, paneis informativos ata a reposición de tapizados en algunha casa consistorial.

A comarca do Val Miñor fai pleno de subvencións para todos os seus concellos e recibirá do departamento de Patrimonio provincial 42.686,47 euros: Baiona 6.097,89 (83,58%) para a rehabilitación do lavadoiro de Riveira; Gondomar 26.207,58 euros (41,11%) para a conservación e mantemento no eido da Casa Peralba; e Nigrán, 10.381 euros (100%) para a limpeza, roza e sinalización da contorna dos muíños de Rodas.