“A túa empresa, un sorriso de Nadal” entrega máis de 400 xoguetes para repartir a nenos de familias sen recursos

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de MundiNova e QualityNova, Diego Maraña; e Teresa Martínez, presidenta de Asdegal; entregaron hoxe os máis de 400 xoguetes recollidos a través da iniciativa solidaria “A túa empresa, un sorriso de Nadal” posta en marcha polas empresas viguesas MundiNova Consultores de Comunicación e QualityNova Consultores, en colaboración coa ONG Asdegal e coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Javier Alonso, responsable de Cáritas Diocesana Tui – Vigo; Manuel Pérez e María Fernanda Ruíz, da Asociación de Amigos de Venezuela en Vigo; Marisol Polo, presidenta da Asociación de Veciños Cristo da Vitoria de Coia, recolleron na sede de Asdegal os xoguetes que serán repartidos a nenos de familias sen recursos destes colectivos a Noite de Reis.

As doazóns realizáronse en diferentes empresas de Vigo e a súa área metropolitana, nos locais habilitados por Asdegal na cidade e no “Concerto Solidario de Nadal” organizado polo Concello das Neves. Ademais, a ONG Cooperación Internacional colaborou coa iniciativa facéndolles chegar tamén decenas de xoguetes.

Durante o acto, Diego Maraña, director xeral de MundiNova e Qualitynova, agradeceu ás empresas e a toda a sociedade a súa participación nesta campaña que permitirá facer felices a moitos nenos de familias que non dispoñen de recursos para comprar agasallos nestas festas.