Barrero e Lanchas dan o salto co Vigo-Rías Baixas

O Vigo-Rías Baixas capta talento e mocidade por partida dobre. O asturiano Martín Barrero e o abulense Cristino Lanchas comprometéronse co conxunto flúor tras pechar a súa etapa como júniors. Con estes dous sub23 de primeiro ano, a estrutura presidida por José Luis Chamorro aumenta a seis a súa nómina de fichaxes.

Campión autonómico de cronoescalada e gañador da Clásica Virxe do Camiño en Cantabria, Barrero recala na formación olívica procedente do Solutec-Las Mestas. O corredor da Fonteta, onde naceu hai 18 anos, é unha das principais promesas do ciclismo asturiano. Durante o seu paso polo campo júnior sobresaíu en carreiras de perfil montañoso.

“Fichar polo Vigo-Rías Baixas supón un orgullo. Como equipo destaca pola súa combatividade e por loitar pola vitoria alí onde participa. Creo que a súa forma de correr adáptase ben ás miñas condicións”, asegura o escalador do Principado.

Na estrutura que esta campaña adxudicouse a Clasificación Elite español tamén confía Lanchas para dar o salto de categoría. Expoñente do inesgotable viveiro de ciclistas que é a localidade abulense de El Barraco, en 2017 proclamouse campión de Castela e León. Esta tempada defendeu as cores do Club Ciclista Hegotarrak, escuadra arabesa.

Aos seus 18 anos, defínese como “un corredor completo con punta de velocidade”. Esas calidades ponas ao servizo dun equipo que no seu amplo calendario volve ofrecer aos seus ciclistas menores de 25 anos a posibilidade de disputar a Copa de España. “Estou con ganas de demostrar do que son capaz. Unirme a un proxecto como o do Vigo-Rías Baixas trátase dun gran paso na miña carreira”, asegura Lanchas.

Estas dúas incorporacións ao bloque flúor compartirán a condición de debutantes sub23 co portugués Joao Leite e o galego Martín Rey. As outras dúas altas desveladas ata o momento son as do venezolano Yurgen Ramírez e o catalán Marcos Navarrete. A dirección do club traballa en pechar máis reforzos.