O persoal de reparto de Correos do Val Miñor concéntrase contra os recortes

Na mañá de hoxe a práctica totalidade do persoal de Correos da unidade de Val Miñor, que presta servizo a Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia, concentrouse diante da unidade para protestar polo recorte que Correos pretende poñer en marcha nesa unidade a partir de mañá, día 29.

O persoal protesta tras o anuncio de Correos de profundos cambios organizativos nesa unidade coa eliminación de varias zonas de reparto que pasarán a integrarse noutras máis amplas. O persoal denuncia graves problemas organizativos e critica que, ademais, este cambio se leve a cabo en plena campaña da paquetería do Nadal, no momento de máis traballo do ano.

“Este cambio, improvisado e sen estudios nin negociación previa co persoal, leva a unha menor estabilidade no reparto, pois xa non estarán os postos de traballo asociados a unha zona concreta de reparto, o que elimina a estabilidade e a calidade no reparto que supón que cada zona teña unha persoa fixa”, sinalan desde CGT.

Isto empeora, segundo o sindicato, a calidade no reparto e leva a unha perda de efectivos a medio prazo, pois Correos xa non terá que cubrir esas prazas, por exemplo, ante unha xubilación ou unha ausencia prolongada do carteiro “oficial”.

O persoal pide que se manteña o sistema actual “un barrio/un/ha carteiro/a” pois é esa relación estable e de coñecemento mutuo o que eleva a calidade no servizo postal. En especial en lugares como os concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar e Oia, onde unha grande parte do reparto faise por zonas rurais, con moitas dificultades de orientación e onde é necesario o coñecemento da zona por parte do persoal de reparto para a correcta prestación do servizo postal diario.

“Este novo sistema prexudicará moi previsiblemente á veciñanza, e aumentará os retrasos e as incidencias no reparto”, advirten desde o sindicato CGT, que ademais critica que esta posta en marcha se leve a cabo sen facer un estudio asociado de riscos laborais pola modificación improvisada das cargas de traballo e da lonxitude das zonas de reparto, e sen dar unha información previa á representación do persoal.

“Dende ese sindicato queremos cualificar este cambio organizativo como improvisación e chapuza, e lamentamos que estas vilas sirvan como laboratorios de experimentos, no peor momento do ano, onde existe unha enorme presión sobre o persoal polo reparto da paquetería do Nadal. Dende CGT témonos dirixido a Correos para que paralice este experimento até que se analicen correctamente os pormenores dos cambios en cada localidade”, conclúen.