
Para Daniel Fernández Cerzón, un mozo de 30 anos veciño de Gondomar, o falecemento do seu avó en 2016 levoulle a embarcarse nunha aventura que cinco anos despois aínda segue collendo forma. Tras a perda do seu familiar, Daniel comezou a darlle voltas á cabeza pensando en que medida podería axudar aos demais facendo o que máis lle gusta. Acendéuselle a lámpada e ese ano expúxose visibilizar o alzhéimer e a diabetes completando unha serie de metas como obxectivo. “Púxenme en contacto coa asociación Anedia e fixen tres, ao ano seguinte con Afaga outros tantos”, relata. Posteriormente coñeceu o caso dunha nena de Nigrán que padece unha enfermidade rara denominada Síndrome de Usher, e tamén se propuxo botarlle unha man. “A patoloxía afecta directamente á vista e ao oído e provoca perdas progresivas, é dexenerativa e levo colaborando desde 2018”, engade. Para esta causa estivo 24 horas correndo sen parar polo parque vigués de Castrelos, realizou sete maratóns nunha semana pola comarca miñorana e o último foi un dúatlon dun día de duración.
Agora, a piques de rematar o 2021 pode dicir con orgullo que leva percorridos a nada despreciable cifra de 2.100 quilómetros repartidos nun total de 11 retos en grao sumo variado e case todos por diferentes percorridos do Val Miñor, dos cales 700 foron correndo e o resto a lombos da súa bicicleta. O máis recente bautizouno como “Reto solidario 6 cimas”. Coincidindo co día Internacional das Montañas do pasado 11 de decembro, púxose en contacto co Concello e propuxéronlle a súa participación na campaña do Nadal “Gondoilusión”. O mozo deportista animou por redes sociais a todos os seus seguidores para que fixesen unha pequena doazón a unha conta bancaria activada pola Administración local e deste xeito contribuír ao financiamento coa que comprar xoguetes a todos os nenos da vila en situación de vulnerabilidade. O prazo acaba de rematar esta mesma semana e está á espera de saber o retorno obtido, aínda que puido adiantar que as mostras de apoio recibidas foron considerables. Partiu na madrugada do 11 desde Praza Paradela e regresou 17 horas despois coa satisfacción de alcanzar o alto de Montecastelo, o Monte Alba, o Galiñeiro, Aloia, Santa Tegra e A Groba. En total, 105 quilómetros correndo con 2.500 metros de desnivel. Agora xa está a pensar nun novo proxecto que levará a cabo coa Administración local en 2022 e que dará a coñecer en canto dispoña de datas concretas.
A pandemia non puido con el e completou un reto indoor
Para este deportista a pandemia non foi quen de pararlle os pés. “Estabamos encerrados en casa e ocorréulleme a idea de levar a cabo un reto solidario”, relata Daniel. Sen pensarllo subiuse ao único cachibache do que dispoñía na súa vivenda, unha elíptica, e estivo sobre ela seis horas coa finalidade de recadar alimentos para o Banco de Alimentos de Baixo Miño. Os resultados foron bastante bos e reuniu un total de 100 quilos de produtos non perecedoiros que posteriormente doou.
Cando colabora con asociacións busca achegas materiais, pero cando o fai pola súa conta busca a visibilización a través de redes sociais. “É importante que a xente en xeral coñeza as enfermidades”, explica. Neste caso foi facendo publicacións periódicas a través de fotografías e vídeos para obter o máximo número posible de “gústame” por parte dos seus seguidores ao mesmo tempo que logra o seu compromiso.