O hospital Álvaro Cunqueiro ensina aos residentes galegos o tratamento do pé zambo

O servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Chuvi organizou o I Curso do Pé Equinovaro conxénito, coñecido como Pé zambo. O curso, no que participaron 20 residentes da comunidade galega, tiña por obxectivo adestrarlles na técnica “Ponseti”, que hoxe en día é a mellor abordaxe terapéutica deste problema, e que evita a realización de cirurxías complexas.

O organizador e coordinador desta docencia, o especialista en Cirurxía e Ortopedia infantil, José Luis Fernández Corbacho, explica que “trátase do procedemento terapéutico máis resolutivo e eficaz para corrixir o Pé zambo, cuns resultados moi satisfactorios xa que o 98% destes nenos se curan sen cirurxía; isto é, conseguimos unha recuperación funcional completa, e que estes pacientes camiñen e corran con normalidade”.

A día de hoxe o Álvaro Cunqueiro realiza unha abordaxe integral deste problema, sen que ningún paciente teña que ser derivado a outro centro para recibir este tratamento. “Tan solo un 2% dos pacientes non responden a esta terapia, e nestes casos temos que recorrer ás cirurxías adicionais, que tamén as ofertamos na carteira de servizos de cirurxía ortopédica neste hospital”.

Actuación nos primeiros días de vida do bebé

O Pé zambo é un conxunto de varias deformidades no pé que, se non se trata, produce unha alteración moi grave da marcha. Trátase dunha enfermidade conxénita, e canto antes se actúe mellores serán os resultados. “Neste hospital xa actuamos nos primeiros días de vida do bebé, xa que o pé é máis flexible e responde mellor a súa manipulación; de feito, naqueles casos que o problema xa foi diagnosticado intraútero, xa programamos o inicio da nosa intervención no seu primeiro ou segundo día de vida”.

A técnica de Ponseti consiste na realización dunhas manobras con xesos no pé de xeito progresivo durante varias semanas e finaliza cunha pequena intervención percutánea, que non necesita quirófano. “Esta intervención pode realizarse na propia consulta, aínda que no Cunqueiro a programamos na Unidade Pediátrica de Cirurxía Maior Ambulatoria. Posteriormente, terán que levar unha próteses ortopédica que deberán mantela ata os 3 anos aproximadamente”, explica o doutor Fernández Corbacho.