O gondomareño Ricardo Buba conquista o Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba en Maceda.

O fin de festa da tempada autonómica mesturou este domingo todos os ingredientes característicos do ciclocrós. O mal tempo, o barro, a emoción e un circuíto do máis completo formaron na localidade ourensá de Maceda o cóctel do Campionato de Galicia 2021. Quince títulos puxéronse en xogo no XIV Ciclocross Castelo de Maceda-Copa Deputación de Ourense, organizado polo Club Ciclista Maceda, décimo sétima e última cita do calendario que arrancou a principios de outubro.

Nunha xornada que honrou á especialidade invernal do ciclismo, o gondomareño Ricardo Buba (Coruxo) non deu opcións na categoría júnior no circuíto deseñado nas ladeiras do Castelo de Maceda. Triunfou con case un minuto de vantaxe sobre André Martínez (Avanza-O Porriño). A medalla de bronce foi para Xano Gil (Ponteareas). Danny Buba (Coruxo) acadou o noveno posto.

Pablo Rodríguez, biker Elite-UCI de XCO; Ane Santesteban, ciclista profesional de estrada; e Carlos Canal, corredor profesional de estrada, participaron nas entregas de premios xunto a Rubén Quintas, alcalde de Maceda; Ana María Rodríguez, concelleira de Servizos Sociais e Medioambiente; Celso Sánchez, concelleiro e médico do evento; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. Ademais dos trofeos do Campionato, tamén se entregaron os da Copa Galicia, certame que rematou a semana anterior en Ponteareas.